A Semana Santa máis tradicional busca alternativas fronte á covid

A Semana Santa é un tempo que se vive con gran intensidade en toda Galicia, pero especialmente naquelas localidades onde os actos relixiosos gozan de especial arraigamento e tradición. Nove son as vilas e as cidades onde estas celebracións presumen dunhas características singulares que propiciaron que os seus actos fosen declarados de interese turístico. E aínda que todas elas se verán afectadas polas restricións propiciadas pola covid e a decisión de non realizar procesións para evitar aglomeracións, ningunha quere renunciar ao seu espazo sinalado no calendario anual de festexos. Os seus responsables preparan xa propostas alternativas para que a pandemia non venza á devoción e á tradición.

 

Viveiro

Esta localidade da Mariña lucense presume de celebrar unha Semana Santa que mereceu a consideración de festas de interese turístico internacional e que destaca, entre outros motivos, polo valor artístico dos seus pasos, algúns dos cales son articulados. Máis de douscentos anos suma xa o Paso da Cea, creado a comezos do século XIX por un artesán empregando a mariñeiros da zona como modelos para dar forma ás figuras dos Apóstolos. As procesións da Última Cea, O Prendemento, O Encontro e o Santo Enterro son algunhas das máis emotivas e vistosas do seu calendario habitual. Este ano non se poderá gozar delas na rúa para evitar aglomeracións, pero si se manterá o culto nas igrexas e organizaranse exposicións e actividades virtuais.

Máis información en http://semanasantaviveiro.com/

 

Ferrol

Desde o ano 2014 a Semana Santa ferrolá goza tamén do recoñecemento como festa de interese turístico internacional. Desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección, as cinco confrarías da cidade organizan un total de 24 procesións que enchen de fervor e vistosidade as rúas de Ferrol. Os principais actos desenvólvense entre os barrios de Esteiro e A Magdalena durante as xornadas do mércores, o xoves e o venres santo. Este ano, esas procesións serán substituídas por actos alternativos, que se desenvolverán nas sedes de cada irmandade de Semana Santa e nas praza das Angustias, Amboage e Contraalmirante Azarola Gresillón respectando as medidas sanitarias e as restricións de aforo establecidas polas autoridades.

Máis información en http://www.semanasantaferrol.org/

 

Santiago de Compostela

As rúas da cidade do Apóstolo son o inmellorable marco para o desenvolvemento dunha Semana Santa, declarada de interese turístico de Galicia, e que experimentou nos últimos anos unha intensa revitalización, tal como demostra o feito de que Compostela conte xa con máis dunha ducia de confrarías. Os seus membros son os responsables de organizar as 17 procesións coas que se recrean os principais episodios da paixón, a morte e a resurrección de Xesucristo. Os actos previstos nesta ocasión desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 11 de abril, aínda que tamén prescindirán das procesións para evitar os riscos sanitarios derivados da aglomeración de persoas. No seu lugar, as actividades organizadas pola xunta de confrarías trasladaranse ás súas propias sedes e a outros espazos pechados nos que se poida controlar o aforo e o cumprimento das medidas sanitarias.

Máis información en  https://www.semanasantasantiago.es/es/inicio/

 

Fisterra

Os tradicionais festexos de Semana Santa de Fisterra, declarados tamén festa de interese turístico galego, suman nesa localidade da Costa da Morte unha singular recreación que ano tras ano congrega a miles de persoas converténdose así no acto principal do seu extenso programa. Ten lugar o Domingo de Resurrección e os propios veciños encárganse de dar vida aos protagonistas da resurrección de Xesucristo. Do mesmo xeito que o ano pasado, os promotores das actividades tiveron que cancelar as procesións e a citada representación, pero si se manteñen os actos litúrxicos previstos no interior da igrexa parroquial de Santa María dás Areas, e para evitar que as limitacións de aforo impidan a fieis e curiosos tomar parte, a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Fisterra retransmitiraos en directo a través do seu espazo en Facebook.

Máis información en https://www.facebook.com/semanasanta.fisterra/

 

Lugo

A celebración de actividades alternativas centradas nas procesións que deberían desenvolverse cada día é a idea na que están a traballar os responsables da xunta de confrarías de Lugo para manter viva a Semana Santa na cidade da muralla, festa tamén de interese autonómico. Os veciños non poderán ver a procesión do Santo Sacramento (acontecemento singular ligado ao privilexio do que goza a súa Catedral de expoñelo de forma permanente) nin o vistoso encontro entre Xesucristo e a Virxe, pero si sumarse, coas consecuentes limitacións de aforo, aos actos que serán organizados en xornadas sinaladas como o Domingo de Ramos, e o Xoves e o Venres Santo. 

Máis información en http://www.semanasantadelugo.com/es/noticias

 

Mondoñedo

As procesións que se celebran desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección converten a Semana Santa nunha das principais festividades do calendario mindoniense e propiciaron que teña tamén a consideración de festa de interese turístico galego. As súas orixes remóntanse, polo menos, ao século  XVI, e aínda que nesta ocasión os veciños non poderán tomar as rúas para asistir a estas escenificacións de gran fervor e solemnidade, si poderán acudir a monumental catedral para seguir as diferentes misas previstas ao longo deste ciclo festivo. 

Máis información en  https://www.facebook.com/turismomondonedo

 

Betanzos

Declarada de interese turístico autonómico no ano 2017, a Semana Santa de Betanzos destaca especialmente polas procesións do Domingo de Ramos e do Xoves e o Venres Santo, sendo a coñecida popularmente como Os Caladiños a máis famosa de todas elas. Por segundo ano consecutivo as rúas non serán escenario do tradicional percorrido dos pasos e os confrades e nazarenos, pero os actos litúrxicos manterán vivo o seu espírito e as redes sociais contribuirán á súa promoción tal como ocorreu hai un ano, cando foron difundidos a través da canle en YouTube da Unidade Pastoral de Betanzos.

Máis información en  https://www.facebook.com/semanasantabetanzos

 

Cangas

O valor artístico dos seus pasos, algúns deles articulados para conferir máis realismo á celebración, a súa antigüidade e o seu arraigamento converten a Semana Santa de Cangas nunha das máis destacadas da provincia de Pontevedra e permitíronlle tamén ser declarada de interese turístico de Galicia. Algunhas das súas confrarías foron fundadas hai xa tres séculos e o seu labor contribuíu a que procesións como a da Santa Cea, a Negación de San Pedro ou o Santo Encontro congreguen a numeroso público. Ningunha delas sairá este ano, pero mantéñense algúns actos litúrxicos e confrarías como a Irmandade das Dores e da Soidade animan aos veciños a decorar os seus balcóns con bandeiras conmemorativas.

Máis información en https://cangas.gal/es/areas/turismo/fiestas-y-festivales/semana-santa

 

Paradela (Meis)

A implicación de toda a parroquia de Paradela, no municipio pontevedrés de Meis, converteu a súa Semana Santa noutra das máis destacadas de Galicia e por elo, tamén, de interese turístico autonómico. Os propios veciños convértense en actores por uns días para dar vida aos principais personaxes dos episodios centrais do relato bíblico: a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, a Última Cea, o Prendemento de Cristo, o xuízo, o vía crucis… Todas elas son escenificacións que, do mesmo xeito que hai un ano, volverán caer nesta ocasión do programa de actividades polas restricións da covid, aínda que, probablemente, a confraría volverá aproveitar as redes sociais para organizar unha Semana Santa Virtual.

Máis información en http://bit.ly/semanasantaparadela

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *