A “Arribada”, unha data para a historia e a festa en Baiona

Hai datas que están gravadas a lume na historia dalgunhas cidades e vilas. En Baiona esa efeméride sinalada no seu calendario é a do 1 de marzo, debido a que foi durante esa xornada do ano 1493 cando nesa localidade do litoral pontevedrés se produciu un acontecemento que os seus veciños lembran con orgullo desde entón e que nos últimos anos teñen convertido no eixo da súa festa máis emblemática.

 

Ao longo da súa historia, os habitantes de Baiona viron en varias ocasións como as augas que bañan as súas costas e as terras que rodeaban a cidade eran a vía de entrada para diversos conflitos. Así ocorrera, por exemplo, no primeiro terzo do século  XIV durante a guerra entre Castela e Portugal co ataque dunha frota lusa. Así volvera a suceder en 1388 cando a ameaza das tropas inglesas que chegaran a Galicia a través da Coruña obrigou á cidade a renderse. E así pasaría unha vez máis en 1474 cando se produciu a toma por parte de Pedro Álvarez de Sotomayor.

 

Pero aquel 1 de marzo de 1493 non ía ter lugar ningún enfrontamento armado nin ningunha frota ía ameazar Baiona. Un único navío chegaba a porto para anunciar o éxito dunha travesía iniciada sete meses antes no Porto de Palos. Tratábase da  carabela Pinta, unha das tres embarcacións que formaban a expedición coa que Cristóbal Colón pretendía abrir unha nova ruta cara ás Indias. A súa viaxe culminara cun inesperado éxito o 12 de outubro de 1492 co desembarco nunha pequena illa caribeña e xa de regreso na Península, Baiona convertíase con aquela Arribada no primeiro porto en recibir aos membros da viaxe e ter noticia daquela xesta, cuxa transcendencia real aínda tardaría uns anos en ser recoñecida.

 

Máis aló das discusións académicas acerca de quen foron os primeiros europeos en alcanzar América, sobre se Colón cría ter chegado ás Indias ou iniciara xa a súa travesía en busca dun continente de cuxa existencia tiña algún indicio, ou sobre o momento exacto en que se tomou conciencia do lugar ao que chegara a súa expedición alén do Atlántico, o certo é que a chegada da Pinta a Baiona foi un acontecemento de gran valor simbólico. Ademais, sentou as bases da importancia que a localidade desempeñaría no futuro comercio entre Europa e América. Así se pon de manifesto hoxe en día nun dos múltiples lugares da localidade que gardan a memoria daquela época: a Casa da Navegación. Este inmoble situado no centro histórico da vila e coñecido tamén como Casa Carvajal alberga unha exposición que percorre toda a historia de Baiona prestando unha atención especial á súa relación co mar e o seu papel nas rutas comerciais.

 

Pero o principal monumento que lembra aquela Arribada do 1 de marzo de 1493 é a réplica da carabela Pinta construída a comezos dos anos 90 do século pasado para conmemorar o quinto centenario do descubrimento de América e que permanece amarrada no porto da localidade a modo de museo. No seu interior pódense contemplar figuras que recrean aos tripulantes e aos nativos que os acompañaron na súa viaxe de volta, así como metais, plantas, alimentos e animais traídos daquelas terras.

 

Non moi lonxe do porto, no paseo da Ribeira, atópase un elemento relacionado directamente con aquela Arribada. É o Pozo da Augada, chamado así porque foi o lugar que empregou a tripulación da Pinta para abastecerse de auga e volver ao mar o 11 de marzo de 1493 con destino ao Porto de Palos para completar así a súa travesía. Outros monumentos diversos lémbrannos tamén a importancia da Arribada. Aos pés do recinto de Monterreal álzase o conxunto escultórico que forma o Monumento ao encontro entre dous mundos levantado con motivo dos actos do quinto centenario, e na praza de Pedro de Castro unha gran roca de 20 toneladas loce desde o ano 1965 unha carabela esculpida na pedra e unha placa conmemorativa da chegada da Pinta a Baiona. No paseo Ribeira pódese ver, así mesmo, un mural confeccionado sobre azulexos que recrea o rumbo da carabela e que foi inaugurado con motivo do 470 aniversario da Arribada. Ao seu lado, unha placa colocada en 1993 lembra a toda a tripulación da Pinta, aínda que o seu capitán, Martín Alonso Pinzón, xa dispoñía desde o ano 1977 dunha escultura na súa honra nun destacado espazo fronte ao mar.

 

O recordo daquel 1 de marzo de 1493 é tamén motivo de celebración en Baiona a través dunha popular cita que arrincou como festivo local en 1974 e que desde hai un cuarto de século se converte nunha gran festa de ambientación histórica e éxito multitudinario. Durante a fin de semana máis próxima ao 1 de marzo, a zona vella da localidade viaxa ao pasado a través dun mercado medieval poboado por músicos, xograres, artesáns, malabaristas e outros personaxes diversos. O programa de actos habitual inclúe tamén recreacións relacionadas co desembarco de Pinzón e a súa tripulación en Baiona e celebracións oficiais.

 

O contido e o éxito da Festa da Arribada propiciaron que a celebración goce desde o ano 2015 da consideración de festa de interese turístico internacional. Por iso neste 2021 marcado pola covid e as consecuentes restricións, aínda que en Baiona tiveron que aprazar os actos que deberían celebrarse a estas alturas do mes de marzo, non renuncian a gozar da súa festa e manter vivo o recordo dunha das datas grandes da historia. A Arribada prepárase xa para regresar con forza o próximo mes de outubro.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *