31 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia

O mes de agosto é coñecido na Coruña pola relevancia e calidade das súas festas, entre as que se inclúe un festival que cada ano congrega a milleiros de persoas: o Festival Noroeste Estrella Galicia.

A súa orixe remóntase ao ano 1986, ano no que, coa idea de que bandas coruñesas compartisen cartel con recoñecidos conxuntos do panorama nacional, celebrouse o primeiro Festival Noroeste Pop Rock. Ese ano congregan fronte ao pavillón de Riazor a nin máis nin menos que 30.000 espectadores, polo que ao ano seguinte repítese a fórmula. Tras un intento en 1988 de situarse na Praza de María Pita, a máis emblemática da cidade, en 1989 o festival aséntase na praia de Riazor. Así, ano tras ano, o Festival Noroeste vai medrando en adeptos e relevancia e o seu cartel empézase a abrir a estrelas internacionais como The Cure, Status Quo, The Hives, Suede, Madness ou Mika, chegando a reunir na praia a máis de 100.000 persoas por concerto. En 2015 o festival dá un novo salto para transformarse nunha cita máis aberta, dimensionada, contemporánea e diversa, dando lugar ao que é hoxe o Festival Noroeste Estrella Galicia.

Trátase dunha cita musical practicamente única en España, debido á cantidade de concertos e artistas que inclúe no seu cartel e que se poden gozar de maneira totalmente gratuíta. É o propio Concello da localidade o que organiza este festival coa colaboración especial de Estrella Galicia, sacando a música á rúa durante varios días e expandíndoa ao longo e ancho da cidade: desde a Praia de Riazor (escenario principal) ata o Castelo de San Antón, pasando por diferentes prazas, museos, rúas e parques.

No Noroeste, e como os seus propios organizadores indican, apóstase por redescubrir de forma próxima e sustentable espazos singulares, bandas imprescindibles, directos vibrantes e unha cidade única bañada polo Atlántico.

En canto ao cartel, nel atopámonos música de diversos estilos (pop, rock, swing, folk, psicodelia, garage, indie, jazz, electrónica e ata hardcore), reunindo a case un centenar de artistas e bandas de nome internacional e estatal que compartirán escenario con artistas emerxentes e novas promesas da escena musical, na súa aposta por converter cada edición nun escaparate da música galega. Algúns nomes relevantes son Eladio y Los Seres Queridos, Iván Ferreiro, Surfin’ Bichos, Swans, The Jesus & Mary Chain ou os británicos Kaiser Chiefs.

Así pois, durante seis días (entre o 8 e o 13 de agosto) programaranse máis de cen concertos en quince escenarios diferentes, o que supón máis de duascentas horas de música.

Ademais, coa edición deste ano suman xa 31 anos enchendo de música todos os recunchos da cidade. E é que, se algo ten o Festival Noroeste Estrella Galicia, ademais do seu innegablemente atractivo cartel, é o marco incomparable no que terán lugar os seus directos.

Aproveitarás esta oportunidade?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *