Tres festas que nos agardarán ata o 2022

A pandemia da covid obrigou a cancelar as primeiras celebracións do calendario galego anual de festas de interese turístico, pero o seu espírito segue vivo e os seus promotores esperan poder retomalas no 2022. Tres son as celebracións que debían ter lugar neste arranque do ano e desde aquí queremos renderlle homenaxe lembrando as súas orixes e particularidades á espera de volver citarnos con elas dentro de doce meses.

 

Danza de San Sebastián

Aldán (Cangas)

Un dos principais atractivos etnográficos do municipio pontevedrés de Cangas radica nas danzas ancestrais que veñen repetindo nalgunhas das súas parroquias desde hai varios séculos. Todos estes bailes caracterízanse polo seu carácter tradicional, a vistosidade das vestimentas que portan os participantes e o feito de ser declaradas de forma conxunta como celebración de interese turístico. A danza que abre o calendario é a que se celebra cada 20 de xaneiro con motivo do día dedicado a San Sebastián no adro da igrexa parroquial de Aldán. Existe constancia escrita de que xa se escenificaba a finais do século XVII. Dez galáns, cinco mulleres (a incorporación feminina produciuse hai medio século) e un guía toman parte nesta danza cuxa participación estaba ligada en tempos pasados a promesas relixiosas para lograr algunha curación. A sobria vestimenta dos homes (traxe negro cunha banda púrpura) contrasta co colorido das mulleres, que adornan os seus vestidos cun mantón de manila e portan nas súas cabezas chapeus con decoración floral.

 

Festa dos Fachós

Castro Caldelas

Declarada de interese turístico hai pouco máis dun ano, a Festa dos Fachós de Castro Caldelas tamén está ligada no calendario a San Sebastián, aínda que neste caso a celebración arrinca o 19 de xaneiro, na tarde noite da véspera da xornada dedicada a ese santo. Non existe unanimidade con respecto ás súas orixes, pero una das teses máis estendidas relaciónaa cun antigo culto celta ao sol, da mesma maneira que o fan celebracións similares de municipios como Taboada. Os fachós que lle dan nome son os fachos que son levados en procesión polos veciños seguindo un facho principal de grandes dimensións e a imaxe do santo, confeccionada tamén con palla. A comitiva parte do adro da igrexa para percorrer a zona vella desta localidade presidida pola súa fortaleza iluminando as súas rúas e contaxiando o ambiente festivo a todos os seus habitantes. Xa de regreso no punto de partida, todos os fachos son queimados nunha gran fogueira. A presenza do santo responde do mesmo xeito que ocorreu con outras moitas celebracións pagás antigas a un intento por cristianizar o festexo, aínda que o ton lúdico ten sobrevivido e mesmo se intensificou nos últimos anos, posto que os actos proseguen ata altas horas con degustacións gastronómicas e música.

 

Festa do Botelo

O Barco de Valdeorras

Este ano, por primeira vez desde que foi instaurada hai xa dúas décadas, a Festa do  Botelo non acudirá á súa cita anual, pasado o ecuador do mes de xaneiro, cos veciños e visitantes do Barco de Valdeorras, pero seguro que este saboroso produto cárnico volverá reinar estes días en moitos fogares dese municipio ourensán. Trátase dun embutido recoñecido cunha indicación xeográfica protexida na que se establece que debe estar composto por un mínimo dun 70 % de costela, xunto con coiros de pel,  magro, e ósos diversos, e todo iso debidamente condimentado, afumado e curado. Aínda que é un produto presente noutros municipios das provincias de Ourense e Lugo, no Barco presumen con especial orgullo del ata o punto de converter en lema da súa celebración desde a súa primeira edición a expresión “Do mar o mero, e do Barco o botelo”. E á chamada desta festa cuxo acto central é unha comida multitudinaria acudiron ao longo destes 20 anos miles de persoas non só da capital de Valdeorras, senón de toda a comarca e doutros moitos puntos da provincia de Ourense e do resto de Galicia. Nos últimos anos, a festa crecera ademais con celebracións previas en cidades como Vigo e A Coruña, que do mesmo xeito que a festa matriz tiveron que ser aparcadas nesta ocasión. Pero o botelo volverá reclamar o seu reinado gastronómico no Barco no 2022 para gozo dos padais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *