Xacemento arqueolóxico da Lanzada, un enclave máxico e histórico

Se por algo é coñecido o municipio de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, é por atraer centos de turistas cada ano en busca de praias espectaculares, bo tempo e como non, boa comida. A Lanzada, por exemplo, compartida co Grove, é unha das praias máis visitadas e ofrece moito máis que un simple baño e é que, preto atópase un xacemento arqueolóxico que comprende un castro, unha necrópole, unha fortificación medieval e unha capela.

Nun dos extremos deste longo areal, atópase un máxico enclave que nos está descubrindo gran parte da historia dos nosos antepasados. Aínda que o xacemento xa se coñecía no século  XVIII e se escavou no século pasado, non foi ata fai relativamente pouco cando se descubriu a súa verdadeira dimensión.

Confírmase cos últimos estudos que A Lanzada foi durante a época romana e  sueva un gran centro dedicado ao comercio. Os traballos de escavación no lugar sacaron á luz ademais, unha misteriosa necrópole infantil que alberga trece corpos de nenas e nenos datados entre os séculos I e II d.C, todos eles con idade inferior a un ano.

Preto deste punto, estúdase tamén a aparición de tres corpos adultos, entre eles o dunha muller que viviu no século V e que foi bautizada como Cornelia. Aínda que ambos os enterramentos se atopan en fase de investigación, non podemos esquecer que os traballos de escavación sacaron á luz tamén innumerables restos arqueolóxicos entre os que se atopan: alfinetes de óso e bronce, moedas, chatolas de calzado ou cerámica castrexa, entre outras cousas.  

Por se fose pouco, nas proximidades deste xacemento atópase a fermosa Ermida da Nosa Señora da Lanzada. Unha antiga ermida con vistas espectaculares que formou parte dun sistema defensivo costeiro para evitar as incursións viquingas e normandas. E aínda que na actualidade só se conservan a capela románica do século XII e inicios do XIII e os restos dunha torre, a construción forma parte do itinerario habitual de turistas e veciños da zona.

Ao redor dela circulan diversas lendas relacionadas co mar. Non se sabe moi ben desde cando, empezouse a relacionar este enclave con diversos ritos de fertilidade. Un deles consiste en colocar ofrendas florais na chamada ‘cama da Virxe’ (unha rocha que se atopa na  rompente da ermida), para terminar así coa infertilidade feminina.

Lendas e mitos a parte, non hai dúbida que este sitio rezuma maxia e historia a partes iguais. A Lanzada non só é un sitio de referencia para os amantes do bo tempo, a praia e a brisa do mar senón tamén un recuncho no que descubrir un pouco máis sobre os nosos antepasados. Imos?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *