Un día no Parque da Natureza do Río Barosa

A uns 20 minutos de Pontevedra, no municipio de Barro, atópase o Parque da Natureza do Río Barosa. A pesar da beleza das súas paisaxes, é un lugar pouco coñecido ao que se pode acudir en calquera época do ano. Con todo, o verán é unha estación ideal na que ocupar un día libre para evadirse paseando por lugares coma este. De feito, é nesta época cando o volume de auga que trae o río descende permitindo que un dos grandes atractivos do lugar, a súa fervenza, chegue a ser un espazo para o baño e o goce: as pequenas pozas que se forman serven de piscinas para os máis pequenos, mentres que os desniveis de pedra convértense en improvisados tobogáns para os seus maiores. 

 

A natureza e a etnografía conxúganse neste parque converténdoo nun espazo no que gozar dunha xornada en familia, facer algo de deporte practicando sendeirismo ou sumarse ás actividades en grupo promovidas polo concello e que requiren inscrición previa. Entre elas atópase unha ruta guiada pola zona e unha visita aos muíños e ao taller de pan que perviven na zona como mostra da importancia que o lugar tivo no pasado. Para os momentos de descansar e de repoñer forzas, os visitantes dispoñen unha área recreativa e de dúas taperías nas que resulta conveniente reservar con antelación porque adoitan ter moita demanda. 

 

A ruta do carreiro dos muíños da Barosa percorre o parque completo por unha das beiras do río e volve ao comezo pola outra para visitar 17 destas construcións tradicionais levantadas para aproveitar forza da auga na moenda de cereais como a avea, o millo ou o trigo. Conta cunha serie de paneis que serven para informar da dificultade e duración do traxecto e existe unha placa que indica que o lugar foi tamén escenario dalgún episodio histórico: no ano 1809 produciuse un enfrontamento durante a Guerra da Independencia. Outro dos puntos fortes da ruta é que é apta para persoas de todas as idades. Conta con pontes e bancos para facer máis levadío o traxecto e poder contemplar a paisaxe que rodea as marxes do río. Este, descende por varias fervenzas salvando un desnivel de 60 metros e ás súas beiras van aparecendo os distintos muíños.

 

Na parte baixa do parque hai unha pequena lagoa e dúas pontes canadenses de madeira que comunican ambas as dúas beiras do río. A súa vexetación está formada principalmente por carballos e existen tamén outras especies como piñeiros, amieiros e salgueiros. Chegar a este lugar tan natural e relaxante non presenta moitas complicacións e é fácil atopar sitio para aparcar. Dende a N-550 que discorre entre Pontevedra e Santiago de Compostela, á altura do quilómetro 104 atópase unha placa que sinaliza o parque no concello de Barro e ao percorrer medio quilómetro máis xa se chega ao aparcamento. Ademais, para aqueles que fagan o Camiño de Santiago polo Camiño Portugués é un destino moi común porque a ruta discorre soamente a uns metros do parque, paralelo á N-550. 

 

Todo isto, converte este lugar nun destino precioso para este verán no que se pode gozar tanto coa familia como con amigos. Para os amantes da natureza e das paisaxes con ríos este é o lugar idóneo. Con todo, a súa paz e tranquilidade son capaces de conquistar a calquera que se achegue por alí.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *