Tradición e legado xudeu en Ribadava

Ribadavia, na provincia de Ourense é, ademais da capital do Ribeiro, unha vila especialmente recoñecida pola súa riqueza monumental en forma de mosteiros, igrexas, conventos, pontes e por suposto por contar cun barrio xudeu extraordinario.

Na Idade Media, o municipio viviu unha crecida de poboación xudía que se estableceu na zona chegando xa a conformar unha poboación de 1.500 habitantes no século XIV, segundo o cronista Jean Froissart. Fóra sentimentos relixiosos, cristiáns e xudeus compartían o día a día,, chegando a gañar importancia en número a poboación hebrea nos séculos posteriores.

Con todo, o decreto de expulsión expedido polos Reis Católicos en 1492, no que obrigaban á poboación xudía a abandonar España, provocou a conversión de moitos, que abrazaron a relixión cristiá para permanecer no Reino. Na actualidade, o Barrio Xudeu de Ribadavia aínda conserva o trazado medieval, con longas e estreitas rúas que conectan con prazas recunchos onde chaman a atención os beirís dos soportais.

O barrio que se estende entre a Praza Maior e a muralla medieval, sitúa o seu centro ao redor da Rúa da Xudería que une a Praza Maior coa da Madalena. Coa pedra como elemento predominante, os mercados xudeus situábanse nos baixos das casas -ou soportais-, evitando así a entrada do sol ou a choiva que puidesen incomodar a clientes e mesmo prexudicar ao xénero exposto.

Para que estes tempos non caesen no esquecemento, desde hai xa uns anos celébrase a coñecida como Festa da Istoria. A última fin de semana de agosto, Ribadavia recrea unha vila medieval, na que predominan os traxes de época, os bailes, as vodas xudías e mesmo unha gran cea medieval. O Barrio Xudeu acolle postos de produtos gastronómicos e artesanais nos que é imprescindible pagar con maravedís. Declarada de Interese Turístico Nacional, esta peculiar conmemoración trata de representar as distintas culturas, relixións, oficios e clases sociais da época, para seguir gozando deste legado cultural durante moitos anos máis.

Do mesmo xeito, o Centro de Información Xudía de Galicia, que se atopa no Pazo dos Condes en plena Praza Maior, ofrece unha interesante mostra de pezas relacionadas coa historia e as principais singularidades das comunidades hebreas de Galicia. Entre outras cousas, pódense ver de preto o traxe de voda xudeu que se utiliza na Festa da Istoria ou a menorá gravada en pedra da Catedral de Tui.

En definitiva, non só nos atopamos ante unha xudería destacada en canto á importancia que tivo na época, senón que o seu bo estado de conservación permite aos que o visitan, poñerse na pel dos ribadavienses -xudeus ou non- que percorrían estas rúas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *