Torre de Hércules: o faro en funcionamento máis antigo do mundo

Entre a enseada do Orzán e o Golfo Ártabro, na Coruña, álzase maxestuosa a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do mundo e o único que se conserva en servizo.

A súa construción remóntase ao século I, baixo o mando dun arquitecto de Coimbra chamado Gaio Sevio Lupo, que dedica a súa obra ao deus da guerra Marte, tal e como se pode ler nunha inscrición ao pé da torre. Xa desde séculos antes de Cristo, existía na badía coruñesa un poboado de orixe celta coñecido como Brigantia no que habitaban os ártabros. Pola súa situación estratéxica, é alí onde se acaba construíndo a Torre de Hércules, co obxectivo de guiar ás embarcacións que navegaban cara ás Illas Británicas en busca de estaño, cobre e ferro. Durante os séculos da romanización, a torre serve de faro, ata que no século XV os ataques normandos obrigan aos habitantes desa poboación primitiva ao seu abandono, refuxiándose no interior. É no século XIII cando Alfonso IX reconstrúe e poboa o vello porto dándolle como nome Crunia.

Comezan así uns séculos de prosperidade e crecemento propiciados polo comercio marítimo. Con todo, a Torre de Hércules continúa abandonada, utilizándose no século XVI boa parte das súas pedras para construír o castelo de San Antón e as murallas que defenderían a cidade dos ataques ingleses. Hai que esperar ata o século XVIII para ver como a torre recupera o seu protagonismo, pois nesa época A Coruña mantén unha intensa actividade comercial coas Indias, e tanto os barcos de América como os doutros portos europeos e españois chegan ao porto coas súas mercadorías, xurdindo así a necesidade de dotar ao porto cun faro que guíe e faga máis segura a navegación. Lévase a cabo entón a súa restauración.

Quizá polo feito de ser tan antiga ou pola maxia especial que desprende, ao longo dos séculos xurdiron numerosos mitos e lendas que aínda hoxe séguense transmitindo de xeración en xeración. A máis coñecida refírese á fundación da cidade da Coruña e aparece mesmo recollida na Crónica Xeral de Alfonso X O Sabio no século XIII. Conta esta lenda que existía nestas terras un xigante chamado Gerión, o cal tiña aterrorizados a todos os seus habitantes. Acode entón en axuda destes Hércules, fillo do deus Zeus, que se enfronta ao xigante durante tres días e, tras unha dura loita, vence. Mata a Gerión, córtalle a cabeza e, sobre ela, manda construír unha torre conmemorando a súa vitoria. Dise que a primeira persoa en habitar esas terras xa libres foi unha muller chamada Crunna, cuxo nome bautizaría á nova cidade. O curioso é que, a pesar de tratarse dunha lenda, desde 1448, no escudo da Coruña aparecen representadas a Torre de Hércules e a caveira do tirano Gerión.

Tal é o valor e a importancia deste faro que en 1931 declárase Ben de Interese Cultural e, en 2009, monumento Patrimonio da Humanidade. O 9 de setembro de 2008, ademais, e coa colaboración do Instituto de Estudos Torre de Hércules e do Servizo Natural de Parques Naturais de Estados Unidos, hermánase coa Estatua da Liberdade, estreitando así os lazos que unen a estes dous monumentos a ambos os dous lados do Atlántico. Ese mesmo ano hermanaríase tamén co Faro do Morro, un faro situado en Cuba cunha antigüidade de 153 anos.

Se queres descubrir máis e mesmo formar parte desa luz que durante tantos anos foi (e é) punto de referencia para centos de miles de navegantes, só debes achegarte á Coruña e subir os 234 chanzos que a separan do chan. De verdade paga (moito) a pena.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *