Santa María da Armenteira

Hai lugares que nos cativan de tal forma que é difícil esquecer as sensacións que alí experimentamos. É o caso do Mosteiro de Santa María da Armenteira, situado nunha das ladeiras do monte Castrove (Meis, Pontevedra), e abrazado por unha abundante vexetación que crea a atmosfera perfecta de paz e tranquilidade. A iso sumámoslle a auga que cae do manancial sobre o cal está situado, que compón a banda sonora perfecta. Sen dúbida, un sitio máxico.

 

Pon calzado cómodo e embarca na Ruta da Pedra e da Auga, un carreiro totalmente cativador que se estende ao longo do río Armenteira. Descubrirás no camiño numerosos muíños, algúns xa abandonados e outros restaurados, que constitúen unha mostra da historia e tradición da zona. O percorrido conclúe coa chegada ao mosteiro, un agasallo para a vista e para a alma ao final do traxecto.

 

Desde o século XII pertence á Orde do Císter, recibindo o nome de Santa María da Armenteira. Grazas ás reconstrucións que se realizaron os anos posteriores, un grupo de monxas procedentes do Mosteiro de Alloz (Navarra) puido habitar nel desde o ano 1989 e restaurar a vida cisterciense. As irmás cistercienses practican unha vida dedicada á oración e ao traballo, e ofrecen as súas propias creacións de xabóns naturais e outros artigos cosméticos na tendiña que se atopa na mesma portería do mosteiro. Atenden ademais a hospedería, con catorce acolledoras habitacións, e coidan tamén do campo mediante a agricultura ecolóxica. O mosteiro recibe cos brazos abertos a todo aquel que busque un lugar de acougo afastado dunha vida ordinaria acelerada. Un descanso verdadeiro ofrecido polo silencio e a contemplación da natureza, que deixa espazo á oración e á reflexión.

 

A Igrexa é o edificio máis importante e o único que quedou en pé do primitivo mosteiro. É un gran edificio de tres naves, cunha fachada monumental que conta cun magnífico rosetón de calados xeométricos florais que permite iluminar o interior do templo como símbolo da espera do Sol nacente. Trátase dunha igrexa medieval sobria e sinxela, propia da arquitectura cisterciense, que obedece ás normas rigorosas de San Bernardo baseadas na austeridade das construcións e na carencia de ornamentación.

 

Non só a igrexa é unha marabilla, pasear polo claustro supón contemplar elementos góticos, renacentistas e neoclásicos, estilos artísticos de diferentes épocas que se foron integrando durante séculos nunha mesma obra.

 

O Mosteiro da Armenteira está considerado un dos máis fermosos de Galicia, a tranquilidade da súa contorna convérteo no lugar ideal para ir pasar o día, ou varios mesmo, e afastarse do ritmo abafador da rutina urbana. Soa prometedor, verdade?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *