Santa María A Real, escenario dun milagre

Tamén coñecido por ser o punto de acceso do Camiño de Santiago a Galicia, Pedrafita do Cebreiro é un municipio que fascina pola historia que esconde o seu patrimonio histórico e cultural. En concreto, a parroquia do Cebreiro, unha pequena aldea na montaña luguesa que, ademais de contar cunhas vistas impresionantes da contorna, está repleta de atractivos arquitectónicos como as pallozas ou a igrexa de Santa María A Real.

Ademais dos encantos evidentes deste núcleo de poucos  habitantes, hai que lembrar que a historia desta localidade está marcada polo camiño cara Compostela. E gran parte de responsabilidade recae sobre a lenda do milagre do Santo Graal do Cebreiro. Un feito que converteu ao municipio nun punto de peregrinación obrigado desde hai séculos.

Durante todo o ano, os veciños ven como un goteo incesante de peregrinos e visitantes se achegan ata este punto atraídos, en parte, polo coñecido milagre. Pois contan, que un día de inverno, especialmente difícil polas condicións meteorolóxicas, un veciño do pobo de Barxamaior decidía acudir a misa como era habitual. O párroco, que non esperaba a ningún fregués dadas as circunstancias, sorprendíase e recrimináballe que se expoñía a morrer por un pouco de pan e viño. Nese momento, o pan que sostiña o clérigo transformouse na carne de Cristo e o viño no seu sangue, producíndose así o que se cita como o milagre do Santo Graal. Un feito que se difundiu por toda Europa na Idade Media a través das historias dos relixiosos, xograres e os propios peregrinos da época.

Tal foi o interese suscitado, que os propios Reis Católicos en 1486 -que se atopaban en plena peregrinación cara Santiago de Compostela- doaron un relicario para gardar e protexer a carne e a sangue de Cristo, resultado do suceso. Na actualidade, pódese ver na capela do Santo Milagre de Santa María A Real tanto as vitrinas que conservan o cáliz e a patena onde se produciu o milagre, como o propio relicario. Sen esquecer a talla da imaxe de Santa María, que ‘din’ inclinou a súa cabeza para poder observar o Santo Milagre, quedando desde entón, na posición na que se atopa.

Por outra banda, o templo tamén acolle a capela de San Bieito, dedicada aos monxes beneditinos e onde se atopa o sepulcro de Elías Valiña Sampedro, o principal impulsor do Camiño de Santiago, párroco desde 1959 ata 1989 , e quen comezou as restauracións do lugar, desde que fose abandonado en 1858.

Sen dúbida, subir ata este punto é algo que -sexamos peregrinos ou non- deberiamos aproveitar unha vez na vida. Ben sexa para visitar as pallozas no Museo Etnográfico do Cebreiro, percorrer as rúas empedradas da aldea ou gozar dunhas vistas privilexiadas, que melloran a experiencia neste lugar coas primeiras nevadas. O ambiente máxico, que xa de seu desprende a súa arquitectura, increméntase cando os primeiros flocos de neve cobren os tellados de palla e lousa.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *