San Salvador de Manín (Lobios); a igrexa dos tres lugares

En Lobios, un concello ourensán pertencente á comarca da Baixa Limia, atópase a xoia agochada que é a Igrexa de San Salvador de Manín. Trátase dun edificio cunha peculiaridade única: foi trasladado pedra por pedra en dúas ocasións, en 1769 e 1992.

Esta igrexa foi construída no 1764, sendo abade Damián Vélez de la Llana, como indica unha inscrición que se atopa no brazo dereito do cruceiro do edificio. O templo é un dos maiores expoñentes do Barroco Galego na comarca.

O edificio posúe unha planta de cruz latina, cunha nave principal de tres tramos, e presenta os elementos característicos das igrexas barrocas. Dende o exterior, o que máis chama a atención son o ciborio (sobre o cruceiro) e a grande torre integrada na fachada principal. A decoración externa da igrexa está constituída principalmente por pináculos rematados en bóla, típicos da época. No interior destaca a escultura en relevo do retablo maior e os relevos de Adán e Eva entre nenos atlantes situados nas portas da sancristía, tras o retablo.

San Salvador de Manín conta con moita historia, e dous traslados. O primeiro, en 1769, foi causado pola falta de fregueses no emprazamento orixinal da igrexa (Manín). Así, a igrexa foi trasladada pedra por pedra ao veciño Aceredo, onde permaneceu máis de 200 anos até que a principios dos 90 decidiuse construír un encoro en Aceredo; o encoro de Lindoso. Nun primeiro momento parecía que a igrexa ía perderse baixo a auga, pero os veciños de Aceredo pecháronse nela ata que se aceptou o seu traslado a Compostela (outra aldea máis dentro do ámbito da parroquia de Manín), onde se atopa a día de hoxe.

As diferentes localizacións da igrexa deron lugar aos dous nomes cos que se lle coñece: San Salvador de Manín (pola primeira aldea onde se edificou) e Igrexa de Aceredo (polo lugar onde estivo até hai ben pouco).

Esta curiosa igrexa é unha interesante parada dentro da comarca da Baixa Limia, xunto co Parque Natural da Serra do Xurés, a marabillosa Santa Comba de Bande e o antigo Aquis Querquennis, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *