Retroceder máis de 2.000 anos no Castro dá Cidá de Ribeira

Aínda que retroceder no tempo sexa complicado, por non dicir imposible, o certo é que podemos achegar a sentir coma se o fixésemos en moitos puntos do territorio galego. Os vestixios da cultura castrexa deixaron pegada en todas as provincias en forma de poboados que ocupan, na maioría dos casos, espazos con difícil acceso pero cunha beleza paisaxística inigualable. Xeralmente dispostos nas partes máis altas das montañas porque os seus habitantes crían que estarían máis preto do máis aló, podería dicirse que os castros galegos descóbrennos auténticos miradoiros milenarios.

En Ribeira, na provincia da Coruña, atópase un dos tantos exemplos deste legado, o Castro da Cidá. Como é sabido, hai máis de 2.500 anos a razón de tal localización non tiña nada que ver coas vistas que o emprazamento puidese ofrecer. Senón que, crenzas espirituais a parte, a esta distancia do mar a defensa dos habitantes dos castros era moito máis sinxela. As características da contorna creaban unha defensa natural que protexía ao poboado do ataque de posibles inimigos. De feito, neste caso concreto, a estrutura defensiva axudábase da propia forma do terreo -aproveitando o desnivel e o terraplén que o rodea por unha banda-  e dun peche de rochas de 100x60cms. -aproximadamente- pola outra.

O conxunto, que de momento se atopa parcialmente escavado, esténdese ao longo duns 20.000 metros cadrados e combina tanto vivendas cuadrangulares como circulares. Con parte do patrimonio oculto baixo a maleza e as pedras, aínda queda moito traballo por diante para coñecer a riqueza dos nosos antepasados.

Para acceder ata este punto, o percorrido máis coherente é o que se indica a partir do miradoiro da Pedra da Rá, a escasos metros do asentamento castrexo. Desde el, despois de admirar as vistas do parque dunar, as lagoas de Carregal e Vixián ou -de lonxe- o Faro de Corrubedo, pódese acceder ao Castro da Cidá a través unha senda apta para todos os públicos e sen dificultade algunha.

Con todo, o percorrido non ten porqué terminar aquí. Preto, a escasos oito quilómetros, pódese visitar o Dolmen de Axeitos, na aldea que lle cede o nome. Tamén coñecido como A  Pedra do mouro, trátase dun monumento funerario megalítico composto por oito grandes pedras laxas de granito, enterradas e, sobre as que se apoia outra laxa horizontal de grandes dimensións. Unha marabilla ancestral cun estado de conservación bo que se pode visitar todos os días do ano.

Cada un destes lugares permítenos reflexionar sobre as vidas dos nosos devanceiros, os seus costumes e tradicións, pero especialmente permite tomar conciencia da riqueza da nosa historia e o moito que queda por descubrir.

Sexa como for, a viaxe no tempo está asegurado con estas visitas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará. Os campos obrigatorios están marcados con *