Praias – historia e tradición

Praia de Rodas
Praia de Rodas

Este vértice extremo occidental de Europa que é Galicia, por unha parte ábrese como unha man de pedra e verde ó océano Atlántico e polo setentrión sinala o mar Cantábrico. Sabia xeoloxía na que alternan prominentes acantilados con mainas praias de relucente e fina area. Areais con topónimos que fan alusión ás súas características topográficas, a historias de galeóns afundidos, de odiseas de navegantes que van de Breogán a San Telmo ou a expedicionarios e aventureiros descobremundos, a lendas xeralmente sobre ondas fecundativas e en relación con Venus, a fábulas e contos de barcos de pedra e tesouros. Espacios nos que as ondas entregan natureza, buguinas cunchas e algas, en todo tempo recomendados como escenarios sacro-profanos pola “meiga” e a tradición naturista. Templos da paisaxe ós que miran antigas capelas dedicadas á Virxe, “Estrela da Mañá” e a un tempo do vésperus, tamén “Stella Maris” ou a “santiños” como San Adrián, tan na devoción das xentes do mar, de ancestrais cultos animistas.

Case tres mil quilómetros de costa repartidos para deixar senti-lo “Mar de Fóra” ou “Mar Maior”, como tamén o “Mar de Dentro” formado na desembocadura por ríos que actuaron para aventureiros e peregrinos de guía cara ó interior, que no perfil da costa debuxan as populares “rías”, as que pola súa privilexiada situación deron orixe a protexidos portos e acenderon faros. Mar de contrastes: de calma para abrazar e poetizar, para tranquiliza-lo espírito e remollarse nel, cartilla elemental para quen se introduce na arte de navegar, pero tamén amigo, aliado dos ventos, de ondulantes ondas que envolven e flirtean co surfista, mar que ofrece tódalas gamas anímicas. Cada praia cos seus ritmos, ballet de transparentes, azuladas ou esmeraldinas ondas, suave area, co seu ambiente, espacios que aconsellan e invitan sempre a valorar solidariamente a ledicia de vivir, punto de encontro dentro das normativas de seguridade, nas que ondea a bandeira azul. Espacios nos que se conxugan perfectamente os Catro Elementos: augas de mares e ríos, area e pedra, luz solar e graduable brisa.

Costa con praias repartidas entre o treito Cantábrico que vai da ría do Eo ó Cabo Ortegal, o treito Atlántico entre Ortegal e Fisterra que encerra as terras de Capelada co Santuario de Teixido, Ferrol, Mariñas, Bergantiños e a “Costa da Morte” e as “Rías Baixas”, con Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo ata o Tegra e a desembocadura do Miño.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *