Pontes de lenda para viaxar por un pasado de historia, fábulas e ritos

Os ríos e camiños de Galicia están repletos de pontes antigas que sobreviviron ata os nosos días para que poidamos gozar da súa beleza e do seu valor arquitectónico e patrimonial. Pero tamén para preservar un importante valor inmaterial como recordatorios de historias, fábulas e ritos. Neste blog queremos convidarte a coñecer algunhas destas pontes de lenda.

 

Ponte do Demo

Silleda e Vila de Cruces

O nome desta ponte de construción medieval e un só arco levantada sobre o río Deza e situada nas inmediacións do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro non é casual. Conta a lenda que foi o propio demo quene o levantou tras chegar a un trato cos monxes, cansados de ver como as crecidas causaban danos aos viadutos levantados por eles mesmos anteriormente. Os monxes comprometéronse a entregar ao diaño a alma dos falecidos durante unha xornada dominical, pero chegado o día, prolongaron os rezos durante toda a xornada para evitar así cumprir o acordado. 

 

Ponte de Pontedeume

Pontedeume

Aínda que hoxe en día a denominación da vila de Pontedeume está claramente ligada ao río que baña as súas terras, o Eume, tamén aquí hai espazo para a lenda. Neste caso, o relato que chegou ata os nosos días fala de que o monumental viaduto que une ese municipio e Cabanas foi construído polo diaño para facerse coa alma dunha fermosa moza que posuía terras en ambas beiras e que quedara atrapada na ribeira oposta ao seu castelo tras ser sorprendida por unha súbita crecida do río. Do mesmo xeito que no caso anterior, o diaño tamén foi burlado e daquel episodio só quedaría a denominación Ponte do Demo aínda que reconvertida co pasar dos séculos en Pontedeume.

 

Ponte Gatín

Becerreá

A intervención do diaño está presente tamén na lenda que deu nome a este paso sobre o río Navia situado no municipio lucense de Becerreá. O leito do río separaba a unha parella de namorados que pactaron co demo entregarlle un bebé se este construía unha ponte que lles permitise reunirse. O diaño accedeu e levantou o viaduto, pero a parella para non ter que entregarlle ao fillo que esperaban deulle uns gatos recentemente nados. De aí o nome do lugar.

 

Ponte do Pasatempo

Mondoñedo

Antigamente coñecida como Ponte dos Ruzos, este viaduto situado no límite da vila de Mondoñedo debe a súa denominación actual a un relato no que a historia e a lenda mestúranse e que o liga directamente co tráxico final do Mariscal Pardo de Cela. Este famoso nobre foi condenado á morte polos Reis Católicos por enfrontarse a eles, e aínda que a súa esposa, Isabel de Castro, conseguiu que fose indultado non chegou a tempo para entregar o documento e evitar a execución. A demora produciuse, precisamente, na devandita ponte. Conta a lenda que os cóengos de Mondoñedo, inimigos do  Mariscal, entretiveron alí a Isabel de Castro o tempo suficiente para impedirlle facer chegar a noticia do indulto e lograr que a condena fose cumprida. 

 

Ponte das Febres

Tui

Tamén neste caso a historia e a lenda danse a man para explicar a denominación deste pequeno viaduto situado nos arredores de Tui, no antigo camiño que se dirixía a Compostela e por onde hoxe seguen transitando os peregrinos do Camiño Portugués. As febres que lle dan nome son as da enfermidade que obrigou a San Telmo a interromper a súa viaxe cara a Santiago e que provocarían, poucos días máis tarde, a súa morte. A ponte sería o lugar onde sentiu os efectos da enfermidade. Chegado alí decidiu cancelar a peregrinación e regresar á cidade da que posteriormente foi nomeado patrón.

 

Ponte da Ramallosa

Nigrán e Baiona

A figura de San Telmo está ligada, así mesmo, ao viaduto medieval que une os municipios de Nigrán e Baiona. Neste caso, a lenda conta que unha gran tormenta azoutou o lugar mentres o santo estaba a predicar ante os fieis. Os presentes trataron de fuxir asustados, pero o santo logrou abrir un claro entre as nubes e evitar que a ponte sufrise os efectos da tormenta. Non é esta a única lenda que inspirou este viaduto. A ponte foi tamén, en tempos, escenario de ritos de fecundidade. 

 

Ponte dos Padriños

Ribadumia e Vilanova de Arousa

A ponte que une as dúas metades do lugar de Ponte Arnelas separadas polo río Umia é tamén un lugar relacionado con antigas prácticas de fecundidade. E son eses ritos os que propiciaron que o viaduto sexa coñecido como Ponte dos Padriños. Segundo a tradición, aquelas mulleres que non puidesen levar a bo termo embarazos anteriores debían dirixirse á ponte e pedir ao primeiro home que a cruzase que vertese sobre o seu ventre auga do río Umia. Despois celebrábase unha pequena festa no lugar e arroxábase a vaixela ao río. Se o embarazo concluía de forma positiva o descoñecido convertíase en padriño do bebé.

 

A Ponte Maceira

Ames e Negreira

Situado en pleno Camiño de Fisterra, o viaduto da Ponte Maceira está vencellado cunha lenda relacionada co Apóstolo Santiago. O relato explica que un grupo de discípulos que escaparan do cativerio romano cruzaron o río Tambre por un viaduto, a Ponte das Pías, que veu abaixo cando os lexionarios que trataban de darlles caza estaban a atravesala. Aínda que son varias as localizacións nas que foi situado este episodio, a vinculación da Ponte Maceira co fenómeno xacobeo propiciou que neste lugar callase con especial intensidade esa suposta relación coa antiga Ponte das Pías.

 

Ponte do Río Furelos

Antas de Ulla

Contan que nunha das pedras desta ponte situada sobre o río que lle dá nome é posible ver a contorna dunha man. É, segundo a lenda, a pegada que deixou o  mouro (personaxe da mitoloxía galega) que construíu a ponte por encargo dos veciños. O mouro finalizara a obra deixando unha pedra mal colocada para que a estrutura tremese co obxectivo de obrigar aos aldeáns para pagarlle de novo pola reparación. Ao ver que a estrataxema tivera efecto repetiuna con éxito varias veces. Pero cando os veciños se decataron do que ocorría decidiron escarmentalo quentando con lume a pedra mal colocada de tal maneira que cando o mouro se dispuxo a movela queimouse a man, que quedou alí gravada.

 

A Ponte das Partidas

Ponteareas

Dous relatos lendarios xa mencionados converxen nesta ponte medieval levantada sobre o río Tea. Un deles dinos que foi construído polos mouros e o outro remítenos ao rito de fertilidade segundo o cal a muller que quería levar a bo termo o seu embarazo tiña que pedir a un descoñecido que vertese auga do río sobre o seu ventre. Do mesmo xeito que noutros lugares, a lenda aquí tamén inclúe unha pequena festa, a vertedura ao río dos restos das celebración e o apadriñamento do neno por parte do descoñecido. Ademais, a orixe do nome da ponte tamén se move nese terreo a medio camiño entre a historia e a lenda. Hai quen sostén que é coñecido como ponte das Partidas porque era o lugar habitual de reunión dun grupo de ladróns para repartir o seu botín, pero outros defenden que debe esa denominación ao feito de servir de lugar de encontro dun grupo de cabaleiros antes de partir cara á loita. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *