Pontes cara á historia

Se os ríos son as arterias que regan e enchen de vida as terras de Galicia, as pontes son as construcións que desde tempos inmemoriais serviron para cruzar esas correntes tendendo lazos sociais, económicos e culturais. Centos de viadutos álzanse sobre os nosos ríos compoñendo un rico patrimonio que, en moitos casos, suma aos seus valores arquitectónicos unha indubidable importancia histórica. Episodios de gran transcendencia tiveron lugar sobre moitos destes viadutos tal como te convidamos a comprobar con este pequeno percorrido por algunhas destas pontes cara á historia.

 

Ponte do Burgo

Pontevedra

A ponte do Burgo non só debuxa unha das estampas máis coñecidas de Pontevedra. Sen a súa presenza non se entendería boa parte da historia da cidade. Un primeiro viaduto anterior deu nome á localidade e sobre a ponte que con diversas modificacións chegou ata os nosos días foi asinado en 1165 o pacto do Lérez entre Fernando II e Alfonso I de Portugal para tratar de poñer fin ás incursións lusas en terras galegas. A ponte do Burgo foi testemuña tamén doutras disputas ao longo dos séculos e sufriu, así mesmo, os embates das forzas da natureza, como unha riada que causou importantes danos a mediados do século XVII. En 1719 foron os ingleses quen deixaron a súa pegada no viaduto. No marco da Guerra da Cuádrupla Alianza, as tropas inglesas que tomaran durante uns días Vigo atacaron tamén Pontevedra e destruíron a Torre da Ponte que se alzaba nun extremo do viaduto e o edificio destinado a cárcere anexo a un dos seus laterais.

 

A Ponte Maceira

Negreira e Ames

O viaduto que une os municipios de Negreira e Ames dando nome ao bonito pobo da Ponte Maceira foi levantado na época medieval e xogou un papel destacado en dous conflitos en tomáronos parte senllos arcebispos composteláns. Alí sitúa a “Historia compostelá” unha contenda do século XII na que se viron involucradas tropas do arcebispo compostelán Diego Gelmírez e do conde Pedro Froilaz de Traba. Xa en 1471, ese mesmo paso sobre o río Tambre sería escenario de parte da disputa armada mantida entre os partidarios do arcebispo Alonso de Fonseca II e as tropas de Lopo Sánchez de Moscoso polo control das terras da Maía. Este enfrontamento, coñecido tamén como a Batalla de Altamira porque o que estaba en xogo era o control da fortaleza que leva ese nome, desenvolveuse en parte en Ponte Maceira porque alí enfrontáronse tropas do arcebispo cun continxente que acudía en auxilio dos homes de Sánchez de Moscoso. 

 

Ponte do Burgo

Culleredo e Cambre

A ponte medieval do Burgo que une os municipios de Culleredo e Cambre no arranque da ría homónima non escapou ás consecuencias dunha das batallas máis importantes da Guerra da Independencia en Galicia. Os bandos enfrontados foron as tropas británicas lideradas polo xeneral John Moore, que acudiran á Península en apoio ás tropas españolas, e un corpo do exército francés ás ordes do  mariscal Jean-de-Dieu  Soult. Tras fracasar a campaña española, os británicos dirixíronse cara á Coruña co obxectivo de embarcar de regreso ás illas. Pouco antes de chegar ao seu destino non dubidaron en voar, a mediados de xaneiro de 1809, a ponte do Burgo, para atrasar o avance francés. Con todo, a existencia dun paso alternativo próximo e a rápida reparación do viaduto permitiu ás tropas galas dar alcance ao seu inimigo antes de que este completase a evacuación e obrigalo a librar unha sanguenta batalla. O saldo final foron centenares de mortes, entre elas a do propio John Moore.

 

Ponte de Cruzul

Becerreá

Pouco antes de chegar á Coruña, franceses e ingleses cruzaron tamén a ponte de  Cruzul, nas terras lucenses de Becerreá, aínda que non existe consenso sobre as circunstancias concretas daquel episodio. Hai quen sostén que os franceses tiñan pensado derrubar con explosivos esta estrutura levantada sobre un afluente do río Navia a finais do século XVIII para evitar a retirada dos ingleses. Pero tamén hai quen defende que foron estes últimos os que pensaron na súa voadura para interromper a marcha dos seus perseguidores. No que si existe máis consenso na actualidade é no feito de que, a pesar da idea bastante estendida no pasado, nin uns nin outros cumpriron os seus plans e o viaduto non chegou a ser voado, aínda que si sería sometido a modificacións nunha época posterior. 

 

Ponte de Sobradelo

Carballeda de Valdeorras

Menos dúbidas existen sobre o ocorrido coa ponte de Sobradelo, que sobrevoa o río Sil en Carballeda de Valdeorras. Neste caso, contan as crónicas que o seu arco central foi voado polo abade de Casaio a comezos do ano 1809 para frear aos franceses unha vez que as tropas encabezadas polo Marqués da Romana o atravesaron. Tiveron que pasar case 100 anos para que o armazón de madeira co que foi reparado provisionalmente fose substituído pola nova estrutura que se pode ver na actualidade. 

 

Ponte Sampaio

Soutomaior e Pontevedra

A presenza francesa en Galicia viuse seriamente afectada tras a batalla que tivo lugar a mediados do ano 1809 xunto ás augas do río Verdugo, no límite dos actuais municipios de Pontevedra e Soutomaior. Alí atópase a impoñente ponte de Ponte Sampaio, un viaduto medieval levantado, probablemente, sobre os alicerces dun paso romano anterior, que os franceses pretendían utilizar para recuperar as posicións perdidas durante as semanas previas no sur da provincia. As tropas francesas, integradas por case 10.000 soldados e xinetes, chegaron ao lugar o 7 de xuño topándose cun heteroxéneo continxente defensivo formado por tropas regulares e voluntarios organizados baixo o mando do coronel Pablo Morillo que, mesmo, derrubaran varios arcos da ponte para impedir o paso. Os ataques galos foron infrutuosos e o 9 de xuño o mariscal Ney viuse obrigado a ordenar a retirada das súas tropas.

 

Ponte Caldelas

Ponte Caldelas

A vitoria na batalla de Ponte Sampaio talvez non tería sido posible sen o desenvolvemento doutro combate que tivo lugar uns quilómetros río arriba nunha ponte construída no século  XVI e que dá nome ao municipio onde se atopa: Ponte Caldelas. Ese foi o paso elixido polos franceses para tratar de burlar a resistencia que se atoparon en Ponte Sampaio e sorprender pola retagarda aos seus inimigos. Pero non contaban con toparse cun grupo de campesiños e fidalgos encabezados por Francisco Oubiña, señor do Pazo  do Coto de Forzáns, dispostos a facerlles fronte. O seu heroísmo tivo premio e conseguiron repeler o ataque francés.

 

Ponte de Ponte Vea

A Estrada e Teo

O labor dos veciños para frear o paso dos franceses tamén foi clave neste estratéxico punto sobre o río Ulla no que se alza a ponte de Ponte Vexa. Alí sucedéronse diversos enfrontamentos durante a primeira metade do ano 1809 que propiciaron o derrube dalgúns arcos por parte dos habitantes da zona en varios ocasións e a conseguinte reparación por parte das tropas invasoras. A estrutura orixinal foi levantada no século  XVI, pero ao longo dos séculos foi sometida a diversas modificacións, non só para facer fronte ás consecuencias da Guerra da Independencia, senón tamén para reparar os danos causados polas riadas.

 

A ponte de Ponte Ledesma, no límite dos municipios de Vila de Cruces e Boqueixón, a ponte de Pazos de Arenteiro (Boborás); A Ponte Bibei, entre Quiroga e A Pobra de Trives, a Ponte de Mourentán (Arbo), a Ponte das Achas (A Cañiza) e A Ponte Arante (Ribadeo) son outros viadutos centenarios que xogaron un papel importante durante a Guerra da Independencia e que foron escenario de mostras de  heroísmo por parte da poboación local.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *