Plan para percorrer as Rías Baixas en 4 días

Na costa sur de Galicia, hai moitos lugares sorprendentes, pero necesitarías semanas para coñecelos todos. Como sabemos que vas vir poucos días, ideamos unha ruta cos sitios que non podes deixar de coñecer baixo ningún concepto. Ti prepara as maletas e colle o coche, que a viaxe xa o organizamos nós. Pontevedra é un bo lugar para aloxarse xa que desde aí poderás acceder facilmente ao resto de destinos.

 

Primeiro día: Hórreos e historia na provincia de Pontevedra

Comezamos o itinerario dando un paseo pola cidade de Pontevedra. Percorrendo as rúas do seu casco vello, poderás visitar a Basílica de Santa María, as ruínas de Santo Domingo, a igrexa da Peregrina e a de San Bartolomeu, o convento de San Francisco…todo nunha distancia moi pequena. Pontevedra goza, ademais, dun ambiente singular e unha gastronomía moi coidada. Despois de comer, propoñémosvos que coñezades a próxima localidade de Poio, onde se atopa o Mosteiro de San Xoán de Poio, un conxunto arquitectónico magnífico. Nos xardíns deste mesmo mosteiro atopámonos cun dos maiores hórreos de Galicia. Para pechar o día nada mellor que ir ao municipio de Combarro, onde é difícil dar un paso sen divisar un hórreo xa que neste pobo mariñeiro con encanto, eles son os verdadeiros protagonistas.

 

Segundo día: A costa sur da provincia de Pontevedra

O segundo día podes visitar Baiona, unha  vila turística e mariñeira que no verán conta cun ambiente inigualable, tanto polo día como pola noite. É de destacar o Parador e a réplica da carabela A Pinta en honra á súa chegada a este porto despois do Descubrimento de América. A poucos quilómetros atópase A Guarda, onde poderás subir ao Monte de Santa Trega para admirar as excelentes vistas que nos ofrece a desembocadura do río Miño que divide as paisaxes de Galicia e de Portugal, todo un privilexio. No Monte, atopámonos cun conxunto arqueolóxico que pertence á cultura castrexa e descubrimos nas pedras, petróglifos realizados 2.000 anos antes da ocupación do castro.

 

Terceiro día: A illa dos balnearios, unha praia para pasear e o ambiente de Sanxenxo

No terceiro día da viaxe propoñémosvos unha excursión á Illa da Toxa para visitar a ermida das Cunchas e camiñar polo paseo marítimo que a rodea. É coñecida polos numerosos balnearios que se atopan nela, así que podedes aproveitar para regalarvos uns momentos de relax. Ademais, na cociña popular desta zona non pode faltar o polbo á feira, a empanada, os mexillóns ao vapor, as ameixas á mariñeira, o bacallau á galega, e moitas exquisiteces máis. Para finalizar a excursión, temos a moi pouca distancia á praia da Lanzada para dar un paseo polo seu extenso areal, ou, se te animas, practicar algún deporte acuático.

Para terminar o día da mellor maneira, recomendámosvos que vos acheguedes a Sanxenxo, onde un bo ambiente está asegurado. Innumerables terrazas onde se pode gozar das delicias do mar e dos bos viños da terra.

 

Cuarto día: A cidade olívica

O cuarto día, propoñémosvos visitar a cidade de Vigo, a maior de Galicia. Podes dar un paseo polo porto, achegarte ao Casco Vello e gozar do ambiente das súas terrazas. Para contemplar a Ría de Vigo, podes subir ao Monte do Castro ou ao Parque da Guía, un auténtico agasallo para a vista. E se coincide co solpor, puro espectáculo!

 

Non nos esquecemos das magníficas Illas Cíes. Se decides alongar a túa viaxe un día máis, ou prefires dedicar un día completamente á natureza no canto do mundo urbano, non esquezas visitalas. Pódese acceder a elas desde Cangas, Vigo ou Baiona por medio duns catamaráns que, en tempada alta, fan viaxes de forma regular. Non esquezas facer a túa reserva.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *