Pide cita para gozar máis de Galicia

Son moitas as razóns que convidan os viaxeiros a visitar Galicia: a súa gastronomía, o seu clima, os seus bosques, as súas praias, a súa xente… é fácil quedar atrapado nas súas paisaxes azuis e verdes. Unha gran parte das marabillas naturais que esta terra ofrece pódense gozar de forma gratuíta e improvisada, aínda que hai algunhas zonas emblemáticas da comunidade que requiren de entrada ou cita previa. É importante que fagas a túa reserva con tempo para non quedar coas ganas de velas. A continuación, amosámosche 7 destes incribles lugares que non podes perder durante a túa estancia no territorio galego.

 

Catedral de Santiago

A Catedral de Santiago é a maior obra de arte románica en España e cada ano recibe a decenas de milleiros de peregrinos que realizan o Camiño e a outros moitos visitantes que non queren perderse a atracción principal dunha cidade cuxo centro histórico foi declarado patrimonio da humanidade pola Unesco. Situada na capital galega, non podes esquecer achegarte a ela se viaxas a Galicia. É certo que a beleza da súa fachada pódese admirar dende a Praza do Obradoiro, pero a experiencia de visitar o seu interior é inigualable e permite contemplar outros dos seus múltiples atractivos.

Para descubrir o monumento a fondo é necesario reservar unha visita mediante a súa páxina web. Hai diferentes entradas segundo as preferencias do usuario: a primeira dá acceso a un percorrido completo polo Museo da Catedral e a visita ao Pórtico da Gloria, mentres que a segunda só permite o acceso ao Museo. Ambas están dispoñibles durante todo o verán pero, debido á crise sanitaria, o horario redúcese (de martes a domingo entre as 10:30 e as 14:30 horas). Unha terceira modalidade de entradas inclúe a visita ao museo de arte sacra da parroquia de Santa María de Sar, aínda que esta aínda non reabriu as súas portas.

Se queres saber máis, visita a súa páxina web e reserva: http://catedraldesantiago.es/

 

Illas Cíes

Arquipélago situado na entrada da Ría de Vigo, as illas Cíes son un dos lugares máis populares de Galicia, xa que constitúen un importante patrimonio natural. De feito son un dos principais espazos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Moitos turistas non se queren perder as súas espectaculares paisaxes, as súas praias de area fina e as súas augas cristalinas, atractivos todos eles que mereceron a atención nos últimos anos de medios de comunicación de todo o mundo. Para acceder ás Cíes é necesario pedir unha autorización a través da web do Parque Nacional e, ademais, reservar por adiantado un dos barcos que parten dende varios municipios próximos, como Vigo, Cangas ou Baiona. Ademais, hai un cámping nas illas que permite pasar a noite alí e facer que a experiencia de visitalas sexa aínda máis completa. Tamén é preciso reservar praza con antelación.

Nesta web poderás solicitar a autorización para acceder ás illas que é necesaria tamén para poder reservar praza nos barcos. https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/

 

Praia das Catedrais

A praia das Catedrais é un emblemático espazo natural pertencente ao municipio de Ribadeo e situado na costa da provincia de Lugo. A singularidade do areal e o motivo da súa fama reside no conxunto de arcos de rocha que foron esculpindo as augas do mar Cantábrico co paso dos anos ao golpear incesantemente a pedra. Este conxunto de cantís poden acadar ata os 30 metros de altura e impresionan a todo aquel que se achega.

A beleza desta paisaxe natural pode contemplarse dende os carreiros ou os miradoiros, para o que non é necesario facer ningunha reserva. Con todo, a mellor maneira de contemplalo en todo o seu esplendor é baixar ata a area cando hai baixamar e pasear por debaixo dos arcos, escoitando a ondada. Por iso, é importante comprobar os horarios das mareas e solicitar unha entrada de forma gratuíta.

Fai a túa reserva en https://ascatedrais.xunta.gal/monatr/inicio

 

Cova do Rei Cintolo

A  Cova  do Rei  Cintolo é a cova natural máis grande de Galicia, con máis de 6.500 metros de lonxitude. Situada en  Argomoso, dentro do municipio lucense de Mondoñedo, no seu interior pódense observar espectaculares formacións de estalactitas e estalagmitas e a súa estrutura laberíntica está repartida en diferentes galerías de orixe cárstica. Estas peculiaridades, xunto ás lendas que rodean a zona, fan que este lugar teña unha interesante personalidade xeolóxica que moitos visitantes non se queren perder.

Para acceder á cova é necesario participar no programa de visitas, facendo unha reserva con mínimo dun día de antelación. Estas rutas realízanse mediante un atractivo percorrido priorizando a seguridade, en grupos guiados e reducidos con idade mínima de 12 anos. O prezo é de 15 euros por persoa. Para programar o acceso á cova ou solicitar información hai que poñerse en contacto coa oficina de turismo de Mondoñedo ou chamar ao 982 507 177.

 

Parque Natural do Invernadeiro

O Parque Natural do Invernadeiro é un espazo natural agochado no Macizo Central, concretamente nos montes do municipio de Vilariño de Conso. Con case 6.000 hectáreas, trátase dun paraíso no que predominan as paisaxes rochosas e as verdes e ondulantes montañas. A zona caracterízase pola súa riqueza e diversidade  faunística e botánica, creando un importante espazo de interese tanto natural como cultural. As distintas rutas trazadas e marcadas no parque permiten gozar das súas variadas paisaxes, internarse en bosques centenarios e tratar de observar a fauna diversa que o poboa.

Para visitalo é necesario solicitar con antelación un permiso de acceso expedido por escrito polo Servizo de Conservación da Natureza de Ourense e realizar todos os percorridos a pé polas rutas marcadas. Podes enviar un correo electrónico á dirección servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es ou chamar aos seguintes números de teléfono: 988 386 376 – 988 386 029.

 

 

Torre de Hércules

A Coruña pode presumir de dispoñer no seu territorio do faro romano en funcionamento máis antigo do mundo, a Torre de Hércules. Declarado Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade, este edificio traslada a calquera que o visita a unha época de mitos e de lendas. A pesar de que a orixe da torre é descoñecida, sábese que foi reedificada polos romanos no século I e desde entón foi un punto de referencia para os navegantes.

Para introducirse no máis fondo deste emblemático monumento hai que unirse a unha visita guiada, xa que o ingreso realízase por franxas horarias de 15 minutos, cun acceso limitado a grupos dun máximo de 17 persoas. As tarifas varían entre 1,5€ e 3€, aínda que en casos concretos o acceso é gratuíto. É posible adquirir a entrada no centro de atención ao visitante xusto antes de acceder ao recinto, pero tamén se pode adquirir cun día de antelación, algo recomendable en épocas de gran afluencia turística.

Para máis información, visite a súa páxina web: http://www.torredeherculesacoruna.com/

Illa de Ons

O arquipélago de Ons está situado na entrada da Ría de Pontevedra e pertence ao municipio de Bueu. Do mesmo xeito que ocorre coas Illas Cíes, é un espazo natural paradisíaco incluído no Parque Nacional das Illas Atlánticas. A illa principal destaca polas súas paisaxes, as súas praias, as súas rutas e o seu pobo costeiro, e é ideal para realizar unha escapada no verán.

Para explorar esta contorna natural é necesario solicitar unha autorización a través da páxina web do parque nacional. Unha vez cumprimentado o formulario e obtida a autorización, o seguinte paso é escoller a navieira coa que chegar ao destino final. Os barcos parten desde dende Vigo, Baiona, Bueu, Cangas, Portonovo e Sanxenxo. Ons tamén dispón dun cámping no que é posible pasar a noite.

Pide a túa autorización: https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/inicio#

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *