Pazos de Arenteiro, un pobo que honra o seu nome

Presentes ao longo e ancho de toda Galicia, os pazos son a principal manifestación da arquitectura señorial galega. Foron morada tradicional das familias fidalgas e a súa localización é principalmente rural, debido a que servían de lugar desde o que os seus propietarios controlaban as súas terras. A orixe dalgunhas destas construcións estaba en antigas torres fortificadas que co pasar dos anos fóronse ampliando e transformando en edificios máis orientados a unha forma de vida confortable, pero sen perder o carácter de punto de referencia para a poboación dos arredores.

 

A súa época de maior esplendor sitúase entre os séculos XVII e XIX e a proba da súa importancia vese mesmo na toponimia, debido a que deron nome a lugares, parroquias e, mesmo, a un municipio, como é o caso do concello pontevedrés de Pazos de Borbén. Pero se hai un sitio no que a súa pegada é máis profunda e visible a día de hoxe é en terras da provincia de Ourense, no municipio de Boborás e máis concretamente, nun lugar que honra o seu nome: Pazos de Arenteiro.

 

As primeiras referencias históricas a este lugar, cuxa parroquia homónima suma na actualidade ao redor dun cento de habitantes, remóntanse case 900 anos atrás no tempo, ao testamento do abade do mosteiro de San Clodio. E o seu apoxeo nos séculos posteriores está ligado directamente á presenza das ordes relixiosas do Santo Sepulcro, nun primeiro momento, e de San Xoán de Xerusalén con posterioridade, e á importancia do comercio do viño. O río que presta o seu apelido ao lugar, o Arenteiro, tamén xogou un papel crave no seu desenvolvemento alimentando muíños que foron fonte de prosperidade e obrigando a levantar pontes tanto sobre o seu leito como sobre o Avia, ao que verte as súas augas. Aqueles viadutos foron lugar de paso para aqueles que viaxaban por un antigo camiño real ou por unha vella ruta de peregrinación a Santiago de Compostela hoxe en proceso de revitalización: o Camiño  Miñoto Ribeiro.

 

Daquela época de esplendor consérvanse máis de media ducia das casas señoriais que dan nome ao lugar e outras construcións que converten Pazos de Arenteiro nun lugar excepcional. Así o confirma o feito de que hai xa case medio século fose declarado conxunto histórico-artístico e así cho queremos demostrar con esta guía dos lugares que poderás ver cando percorras as súas antigas rúas empedradas.

 

Pazo dos Cervela

O escudo de grandes dimensións situado sobre o portalón de entrada e os ornamentos que decoran a súa fachada revelan a importancia deste edificio e da familia que lle dá nome e que posúe tamén outra das construcións señoriais do lugar: a Casa ou Pazo de Arriba, coñecida polas súas tres chemineas.

 

Igrexa de San Salvador

Construída, probablemente, a finais do século XII ou comezos do XIII, segundo se desprende da inscrición dun perpiaño, esta igrexa desempeñou un papel central na presenza da Orde do Santo Sepulcro en Galicia. Está situada no centro do núcleo de Pazos de Arenteiro e destaca pola súa portada románica e a súa ábsida. 

 

Pazo de Encomenda

Este edificio hoxe reconvertido en establecemento hostaleiro formaba parte dun mosteiro de maiores dimensións xa desaparecido. Tamén serviu de casa reitoral, por iso dispón dun portalón de acceso á igrexa. Varios escudos e os símbolos da Orde de Malta decoran os seus muros.

 

Casa de Penedo

A súa importancia radica en ter sido vivenda do inquisidor de Santiago. A súa varanda principal foi tomada dun balcón do mosteiro de Santa María A Real de Oseira despois da desamortización de Mendizábal.

 

Casa do Palenque e O Palenque

Casa señorial situado no corazón do lugar dotada dun balcón apoiado sobre tres enormes canzorros. O Palenque non é só o nome da vivenda senón tamén da balconada que se abre aos seus pés e que serve na actualidade de lugar de paso para varias vivendas próximas. En tempos era un espazo pechado no que tiñan lugar os castigos públicos ordenados polo Inquisidor.

 

Pazo de Dona Elisa

Construción en forma de U orientada á praza cuxa fachada está presidida por un gran balcón e un escudo heráldico.

 

Pazo dos Feixóo

Tres escudos situados sobre o seu acceso principal dan a benvida a quen se achega ata este pazo situado nos arredores do núcleo principal de Pazos de Arenteiro e cuxa edificación deu comezo a mediados do século XVI.

 

Ponte do Santo Sepulcro

Situado sobre o río Arenteiro e de orixe medieval, este viaduto debe o seu nome á orde relixiosa que o construíu e cuxo símbolo aínda se pode ver nunha das súas pedras. Presenta tamén unha imaxe dun santo que podería ser Santiago Peregrino, posto que por alí pasa o Camiño Miñoto Ribeiro. 

 

Ponte da Cruz

A Guerra da Independencia estivo a piques de acabar con este viaduto a comezos do século XIX, pero uno dos seus catro arcos de pedra sobre o río Avia sobreviviu para permitirnos imaxinar como era orixinalmente. Alí foi onde en 1809 un grupo de veciños da zona e dos arredores baixo o mando do militar Bernardo González do Valle, coñecido como Cachamuíña, plantaron cara ás tropas francesas logrando a súa retirada.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *