Parque Natural do Invernadeiro, espazo protexido no Macizo Central ourensán

Gustaríache planear unha escapada e rodearte dun dos patrimonios naturais máis espectaculares de Galicia? Quizais isto che interese. No municipio ourensán de Vilariño de Conso atópase o Parque Natural do Invernadeiro, un espazo que abarca case 6.000 hectáreas en pleno Macizo Central ourensán e que ofrece alternativas de lecer ao aire libre difíciles de superar.

Aínda que no século pasado foi un territorio destinado á repoboación forestal, un devastador incendio cambiou o seu destino. Despois da súa recuperación consolidouse finalmente como Parque Natural en 1997 e hoxe en día, é unha das mellores mostras para coñecer a vida natural deste territorio.

No Invernadeiro todo é natureza e, por tanto, todos os plans que xorden nunha contorna así son verdadeiramente máxicos. Para os sendeiristas -principiantes ou experimentados- existen un total de seis rutas con diferentes dificultades. Seguro que atopas a mellor para ti!

Unha das máis recomendadas é a Ruta de Valdeirexa ou dos Cercados, quizais porque pasados os primeiros 300 metros, xa podes ver o recinto dos cervos, e con sorte ver algún exemplar, para cargar as pilas e continuar por unha ruta ascendente que alcanza a cota máis alta aos 1.223 metros.

Percorrer as sendas da Ruta das Troitas para contemplar a beleza do curso fluvial do río Ribeira Grande, tampouco ten desperdicio. Porque aínda que a fauna de mamíferos é un dos maiores atractivos do Parque Natural, non hai dúbida que o silencio e a tranquilidade que se respira en todo este espazo é un bo argumento para pasar un día entre estas montañas.

Por outra banda, aínda que a día de hoxe non existen núcleos de poboación na zona, no pasado, o territorio aproveitouse por parte dos habitantes da contorna. Boa mostra diso, é o patrimonio etnográfico resultante desta actividade como son os currais, as cabanas de pastores ou os muíños. Ademais da Cantina de Papeleira Española, agora reconvertida nun pequeno museo que rememora a época na que máis de 400 habitantes traballaban na industria papeleira.

Chegados a este punto, é importante destacar tamén que para visitar este espazo protexido é necesario pedir unha autorización. Para iso, é indispensable conseguir un permiso expedido por escrito polo Servizo de Conservación da Natureza de Ourense na Rúa do Paseo, 18 – 5º. Aínda que tamén están dispoñibles no 988 386 376 e 988 286 029, todos os días laborables de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00. (servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es ).

Se buscas un pack turístico especial, podes botar unha ollada ás ofertas que se propoñen e elixir entre rutas en bicicleta con cea e aloxamento, un curso de fotografía en plena natureza e moito máis.

En definitiva, prepárate para vivir unha experiencia inesquecible nun paraíso que hai que preservar e manter no seu estado máis puro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *