Paisaxes, historias e caprichos da natureza na costa camariñá de Reira

Recostada sobre o Atlántico, a península de Camariñas é un dos lugares máis emblemáticos e máxicos da Costa da Morte. As augas que bañan as súas costas e as súas praias, as xentes que habitan os seus pobos e aldeas, e os cantís e montes que se alzan sobre as súas terras atesouran historias de naufraxios e de heroísmo, exemplos de tradicións seculares e reliquias que nos murmuran o xeito de vida dos seus primeiros habitantes.

 

Camariñas mira cara ao sur, cara ás protectoras augas da ría que comparte co municipio veciño de Muxía. Pero tamén se asoma cara ao norte, cara á perigosa ondada do océano, un espazo convertido á vez en fonte de vida para este pobo de pescadores e en escenario de tráxicos sucesos cuxa pegada aínda permanece visible a modo de recordatorio dos perigos do mar e de homenaxe aos que perderon a vida. E é alí, onde as ondas golpean unha franxa de terra que alterna area e roca, onde podemos atopar un espazo que xunta boa parte dos atractivos que converteron Camariñas nun lugar de parada ineludible para todos aqueles que visitan a Costa da Morte.

 

Famoso polo seu encaixe de palillos, o municipio ten moito máis que ofrecer. Un bo exemplo diso é a zona de Reira, un espazo que se atopa a medio camiño entre os cabos Vilán e de Trece. É este un lugar golpeado polo mar e polo vento, pero que nos regala varias praias de area branca (Area Grande, Area Longa, Pedrosa…) onde gozar da calor e das súas augas nas xornadas estivais, pasear en calquera época do ano e contemplar as súas fantásticas vistas. Cara ao oeste álzase a silueta do cabo Vilán e o seu emblemático faro, un edificio construído a finais do século XIX tras o tráxico afundimento do cruceiro británico Serpent, no que faleceron case dous centos de persoas.

 

O faro lémbranos o perigo da zona, pero regálanos tamén a vista con belas estampas, especialmente á noitiña cando a luz do sol comeza a desaparecer e a ser substituída polo potente feixe artificial da torre levantada sobre o cabo. Son moitos os que acoden ata os seus pés para contemplar ese espectáculo, pero desde a zona de Reira atopamos unha panorámica diferente da posta de sol.

 

Non é ese o único prodixio da natureza do que podemos gozar no lugar. A auga e as rochas tamén se alían alí para regalarnos auténticas obras de arte que fan ao espectador dubidar se a natureza foi capaz de esculpir pezas de formas tan singulares. É o que ocorre cando contemplamos a Pedra dos Namorados, dúas moles que parecen fundirse en apaixonado bico, ou cando descubrimos que quen bautizou con ese nome á Pedra do Oso estaba a facerlle xustiza. Custa crer que o animal pétreo que se alza desafiante sobre as rochas non fose modelado por unha man humana. A súa figura é un dos puntos máis fotografados de Camariñas e atrae a atención de moitos curiosos e visitantes. Parte da súa fama actual débese a un curioso suceso ocorrido hai agora 18 anos, cando a pedra desapareceu misteriosamente da súa morada habitual. Poucos días despois de que os veciños alertarán da subtracción a figura foi localizada na Coruña, cidade ata a que fora transportada por unha empresa para empregala como ornamento dunha nova construción. A Pedra do Oso regresou a Reira sen unha das súas patas, pero o suceso serviu para poñer en valor este monumento natural.

 

Nas súas inmediacións, pero un pouco máis afastadas do mar, outras pedras chaman tamén a atención dos visitantes, aínda que neste caso non se trata de caprichos da natureza, senón do legado de actividades desenvolvidas polos antigos habitantes da zona. É o caso da Mámoa de  Reira, un monumento funerario megalítico cuxa construción se remonta ao período comprendido entre o Neolítico e a Idade de Bronce. Baixo o cúmulo de pedras e terra repousan os restos das persoas que alí viviron hai varios milenios. Máis recente é o Foxo dos Lobos construído non moi lonxe de alí e que garda o recordo dunha práctica común de moitos puntos de Galicia, pero desaparecida hai máis dun século. Trátase de dúas paredes de pedra que converxen nun foso e que eran empregadas para capturar aos lobos que ameazaban o gando.

 

Todos estes espazos están ao alcance de calquera persoa que visite a zona e daqueles que sigan o trazado de varios dos itinerarios que cruzan esa parte do litoral camariñán, como os roteiros municipais Costa da Morte e Litoral, ou a quinta etapa do Camiño dos Faros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *