Os Reis Magos, o mar e Urbano Lugrís. Historia e arte nunha capela de Bueu

Non ten as dimensións dos grandes recintos litúrxicos nin é o centro neurálxico dun núcleo de poboación nin o destino dunha procesión multitudinaria, pero a pequena  Capela dos Santos Reis está chea de particularidades que a converten nun lugar digno de ser visitado por calquera persoa que se achegue ata o municipio pontevedrés de Bueu, na península do Morrazo.

 

A construción actual foi levantada hai pouco máis de 60 anos sobre as ruínas dunha antiga ermida do século XVII ligada ao próximo pazo de Castrelo. A súa localización, na ladeira dun dos montes que se alzan detrás de Bueu, e as vistas que desde alí se teñen da capital municipal e de boa parte da ría de Pontevedra constitúen xa de seu un bo motivo para visitar a capela e a súa contorna. Pero ademais, a pesar da súa mocidade, a capela presenta varios elementos históricos e arquitectónicos que a converten nun lugar moi singular.

 

O seu deseño foi encargado polo Concello a mediados do século pasado a Urbano Lugrís, un dos pintores galegos máis importantes da época e representante destacado do movemento surrealista. A paixón polo mar está moi presente en toda a obra do artista e a Capela dous Santos Reis non foi unha excepción. Vieiras, caracolas, áncoras, baleas e outros motivos mariños servíronlle a Lugrís para adornar o arco que preside a porta de acceso ao recinto e lembrar ao visitante a importancia que este elemento ten para os veciños da zona. Foi ademais, un proxecto que lle permitiu desenvolverse ao máximo como creador debido a que puido combinar deseño, pintura, escultura, arquitectura e, mesmo, a dirección dos traballos.

 

O feito de estar dedicada aos Reis Magos (os Santos Reis que lle dan nome) fai deste pequeno templo un caso excepcional non só en Galicia, senón tamén en España e o resto de Europa, debido a que son contados os templos erixidos para honrar a Melchor, Gaspar e Baltasar.

 

Parte do legado orixinal de Lugrís, como as pinturas do retablo e mesmo as esculturas dos tres reis perdéronse co pasar dos anos, pero o lugar conserva case intacto o seu encanto orixinal e a pegada do traballo desenvolto alí polo artista aínda se pode apreciar noutros espazos do municipio de Bueu. Os bosquexos orixinais das esculturas decoraron o salón de plenos do consistorio de Bueu e algúns destes e outros documentos de Lugrís consérvanse hoxe en día no Museo Massó.

 

Os membros da asociación cultural Santos Reis encárganse na actualidade do coidado da capela e a súa contorna e organizan unha celebración anual, pero o exterior da capela pode ser visitado en calquera época e algunha das rutas deseñadas polo  Concello de Bueu para poñer en valor o seu patrimonio a inclúe no trazado, así que non hai motivo para non gozar deste pequeno, pero interesante lugar cheo de arte e historia.

 

Máis información aquí

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *