Os Penedos de Oulego e a singularidade da Enciña da Lastra

Hoxe imos falar dun dos seis Parques Naturais de Galicia. Un dos máis pequenos pero tamén dos máis singulares e menos coñecidos: o Parque Natural da Enciña da Lastra, na provincia de Ourense, cuxa sede se atopa na localidade de Biobra, no concello de Rubiá

Unha das atraccións do parque é a súa singular vexetación. Chea de sobreiras, oliveiras, amendoeiras ou aciñeiras, que dan nome ao parque, xunto con arbustos de lavanda, tomiño ou ourego. Tamén acolle máis de 25 especies de orquídeas que fan deste parque unha paisaxe singular moi distinta á do resto de bosques que atopamos na nosa comunidade.

Enciña da Lastra é tamén un refuxio ornitolóxico. É hábitat natural de aves de rapina, como o falcón ou o aguia e acolle a maior concentración de aves nidificantes de Galicia.

Outra das características deste parque é a paisaxe de roca calcaria, non moi abundante en Galicia, onde é máis fácil atopar granito. A formación rochosa máis recoñecible do Parque Natural da Enciña da Lastra é a coñecida como Penedos de Oulego. Son o mellor exemplo de morfoloxía cárstica de Galicia. Trátase de tres grandes pedras, que simulan cabeiros brancos asomando sobre o bosque e que dominan o horizonte. Un conxunto de rocas calcarias que se alzan por encima dun manto verde ou sobre a néboa, creando un bonito contraste, e que no inverno adoitan estar nevados.

O parque conta, ademais, con nove miradoiros desde os que poder gozar das marabillosas vistas panorámicas: Caprada en Oulego, Alto da Escrita en Biobra, Tanque de Covas ou a Portela en Vilardesilva, son algúns dos máis significativos.

Toma algunha das numerosas rutas que che permitirán percorren as súas máis de 3.000 hectáreas. Contempla a fauna e flora única deste lugar, que alberga a zona de vexetación mediterránea máis grande de Galicia. Observa as súas magníficas paisaxes cársticas. Aventúrate nas súas covas, que aquí chaman “palas”, cheas de estalactitas e estalagmitas e que contan cunha das poboacións de morcegos máis grande de España.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *