Os encantos por descubrir de Porto de Cereixo

Famoso polo seu castelo, por ser unha das principais portas de entrada á Costa da Morte e polo seu abundante patrimonio megalítico, o municipio coruñés de Vimianzo garda tamén no seu territorio un pequeno lugar no que conflúen a historia, a arte e a etnografía. Estamos en Porto de Cereixo, unha xoia moitas veces eclipsada polos espazos máis coñecidos e emblemáticos da comarca, pero que non deixa de sorprender a todo aquel que se anima a descubrila.

 

O primeiro que chama a atención ao visitante que se achega ata este lugar situado na beira sur da ría de Camariñas é a silueta da construción señorial que domina todo o núcleo. Son as Torres de Cereixo, un pazo con aires de fortaleza erixido no século XVII no que sobresaen as dúas torres que lle dan nome e os escudos que nos lembran a boa parte da nobreza que en tempos exerceu o seu poder sobre toda a comarca. Trátase dunha propiedade privada que non está aberta a visitas, pero cuxa monumentalidade si pode ser apreciada dando un paseo a carón dos seus muros.

 

Nas súas inmediacións, ademais dunha pequena praza coroada por un carballo centenario, atópase outra das xoias do lugar: a igrexa de Santiago de Cereixo. As súas harmoniosas dimensións e o feito de conservar a maior parte dos seus elementos  románicos orixinais converten este pequeno templo de mediados do século XII nun ben patrimonial de indubidable valor. Pero, ademais, esta igrexa ten un elemento que fai dela un monumento único. No tímpano da porta sur pódese ver unha representación en pedra do traslado nunha embarcación dos restos do Apóstolo Santiago custodiados por sete dos seus discípulos. Só se conservan en toda a Península catro representacións similares da época do románico e o feito de que unha delas se atope precisamente neste lugar de Vimianzo fai pensar que o seu porto puido ser no pasado un lugar de desembarco de moitos peregrinos que chegaban por mar a Galicia para encamiñarse cara a Santiago de Compostela e visitar a tumba do Apóstolo.

 

Algúns investigadores consideran que a dársena primixenia que deu nome ao lugar foi un punto de gran importancia comercial e estratéxica a comezos do milenio pasado, pero que desaparecería por mor das incursións de piratas viquingos e árabes. O propio rei Alfonso IX foi quen ordenou a reconstrución do lugar no século XIII e mesmo chegou a visitalo. O fenómeno xacobeo, a emigración e o comercio propiciaron que Porto de Cereixo volvese ser un porto importante en séculos posteriores. Serviu tanto de lugar de paso para os peregrinos que comezaban alí a súa ruta a pé, como de punto de encontro para os veciños da comarca que eran recollidos antes de emprender a súa viaxe cara a outros territorios en procura de oportunidades de traballo e progreso, e como espazo de carga e descarga de mercadorías.

 

Ademais, as mesmas augas que favorecían o tránsito desas embarcacións foron as que alimentaron outro dos monumentos que chegaron ata os nosos días e que contribúen á variedade patrimonial de Porto de Cereixo. Trátase do muíño de mareas de Cereixo, tamén coñecido como Muíño das Torres ou das Arceas. Existe constancia documental da súa construción en 1674, o que o converte nunha das instalacións desta índole máis antigas de cantas consérvanse en Galicia. Situada na confluencia do rego de Carnés ou de Cereixo coa ría de Camariñas, esta construción dispón de tres pedras que eran movidas pola forza das augas do río e das mareas para moer trigo e millo. Parte dos cereais alí procesados seguramente proviñan do enorme hórreo situado nas súas inmediacións e levantado séculos atrás para gardar os tributos que debían pagar os veciños da zona. Con 26 metros de lonxitude e 19 pares de pés, o hórreo de Vila Purificación é un dos máis longos de Galicia e pódese contemplar desde un antigo camiño que segue a beira da ría ata chegar ao muíño.

 

Así mesmo, desde o muíño parte un paseo fluvial que bordeando o leito do río de Carnés achéganos á igrexa de Santiago, ás Torres de Cereixo, e a algúns exemplos de  esmerada arquitectura popular que converten o lugar nun conxunto de gran encanto. Necesitas máis motivos para visitalo?

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *