Os Batáns do Mosquetín, unha porta aberta a outra forma tradicional de aproveitamento fluvial

Galicia é rica en exemplos de aproveitamento da forza hidráulica dos ríos. Son moitos os muíños que ao longo dos séculos foron levantados á beira dos leitos para producir fariña. Nuns poucos lugares, ademais, álzanse outras estruturas que servían tamén para converter o caudal de auga en enerxía coa que mover unha enxeñosa maquinaria, pero que non estaban destinados a moer gran, senón a colaborar coa incipiente industria téxtil.

 

Estamos a falar dos batáns (tamén coñecidos como folóns ou pisóns nalgúns lugares), unhas construcións concibidas para tratar os tecidos de la unha vez que estes saían dos teares compactándoos e facéndoos así máis resistentes ao mesmo tempo que se eliminaba o material sobrante. Hai constancia de que xa existían estruturas deste tipo na Península hai case 9 séculos e en Galicia as referencias toponímicas permiten entrever a súa presenza en puntos moi diferentes da nosa xeografía, pero son poucos os que se conservaron ata os nosos días.

 

Un dos exemplos máis destacados podémolo atopar no municipio coruñés de Vimianzo, aos pés do río Grande, nun espazo que conxuga encanto natural cun gran valor histórico e etnográfico. Segundo explican os responsables municipais, tense constancia da existencia dos Batáns do Mosquetín xa a mediados do século XVIII, debido a que aparecen recollidos no Catastro de Enseada, e mantivéronse en uso ata os anos 60 do século pasado. Despois dun par de décadas de abandono, a finais dos anos 80 e grazas ao esforzo dalgúns veciños e do movemento asociativo da zona comezaron os traballos de recuperación que acabarían por culminar, xa nos 90 coa implicación activa dos poderes públicos, na adquisición do recinto e a súa musealización.

 

O complexo de O Mosquetín está formado por dous edificios nos que é posible contemplar tres batáns ademais de catro muíños de millo, dous de trigo e un de salvado. Todos eles fornecíanse da auga recollida nunha presa próxima e conducida a través de canles ata as instalacións. No caso dos batáns, a maquinaria está realizada integramente de madeira e carece de cravos ou outras pezas metálicas susceptibles de sufrir os efectos da oxidación polo contacto coa auga. A roda, que é movida pola auga; os mazos, que golpean o tecido, e a mesa, que sostén os mazos e alberga as teas mentres son traballadas, son as tres pezas fundamentais destas enxeñosas máquinas que se completan con varios elementos máis que axudan á súa sustentación e a transmitir a forza da auga.

 

En O Mosquetín non é posible só ver en funcionamento os seus batáns, senón que tamén se pode contemplar unha espectacular maqueta a escala doutro batán que do mesmo xeito que os de Vimianzo mantívose activo ata tempos non moi afastados. José Ramón Ces Ces, dono dos Batáns de Servia (Lousame) decidiu construír esa peza nos anos 70 para preservar a memoria da maquinaria que estivera en funcionamento ata o ano 1960 e mesmo confeccionou un caderno con ilustracións e os nomes e as medidas das pezas para permitir que no futuro puidésese saber como funcionaban. Na actualidade, a súa maqueta é un atractivo engadido do recinto do Mosquetín, un lugar que convida a coñecer un pouco máis do noso pasado, pero que tamén nos abre as portas dun bonito espazo natural acondicionado para o goce das familias.

One thought on “Os Batáns do Mosquetín, unha porta aberta a outra forma tradicional de aproveitamento fluvial

  • 6 Abril, 2020 ás 21:59
    Permalink

    É algo extraordinario. Vale a pena coñecelos, están mui ben conservados e o lugar é fermoso. Disfrutamos moito na nosa visita e puidemos xantar na area recreativa que se atopa alí. Un lugar para recordar

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *