Os Ancares

Os Ancares
Os Ancares

Situación – Leste da provincia de Lugo limítrofe con León. Inclúe os concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte do municipio de Becerreá.

Superficie – Ancares lucenses: 53.664 hectáreas. Ancares leoneses: 56.786 hectáreas nos municipios de Candín, Peranzanes, Vega de Espinareda e Villafranca del Bierzo.

Acceso – Autovía A-6 e N-VI ata Becerreá. A estrada LU- 722 comunica coa Pobra en Navia de Suarna e posúe os principais desvíos cara á serra.

Servizos – Aloxamento: Si. Comer: Si.

Máis información – Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES).
Tel.: 982 227 812.

Equipamentos – Centro de Interpretación e Xestión da Reserva Nacional de Caza dos Ancares (Campo da Braña) e Aula da Natureza en Campa da Braña- Degrada (Cervantes)
Tel.: 982 181 252.

Outros espazos naturais relacionados / próximos: 
O Courel (LIC “Ancares-Courel”) LIC “Cruzul-Agüeira”

Os Ancares
Os Ancares

Feitizos de montaña

Ancares é nome orixinal de río que prestou a súa sonoridade ás montañas máxicas entre Galicia e León. Exercen o seu magnetismo desde lonxe, prendidas de horizontes a dous mil metros escasos. Éntrase nelas cun especial estado de admiración e respecto, por camiños que buscan os cumes abeirados a estreitos e fondos vales.

Nas poboacións máis altas descubriremos as pallozas, ancestrais construcións de planta circular e teito de palla mallada. Semella que as súas formas curvas pero rexas se inspiran nos cumes das montañas, suaves e agrestes.

Os ríos que descenden pola vertente galega todos buscan o Navia, que cingue completamente o espazo protexido polo oeste e conduce as augas cara ao Cantábrico. Un bo exemplo é o fermoso val labrado polo río Ser ou as gargantas do río Rao, no concello de Navia de Suarna. A vertente leonesa, pola contra, desauga cara ao sur, á conca do Sil.

A declaración dos Ancares como Reserva da Biosfera en Galicia e Castela e León supón a súa incorporación como unidades da próxima Gran Cantábrica, toda unha sucesión de espazos naturais de alto valor ambiental no norte da península. O oso pardo, o seu símbolo máis recoñecido, ten tamén este extremo lugués como zona de paso.

Sen Perda

A principal vía de acceso aos Ancares parte da vila de Becerreá ata Liber, onde se ofrecen tres posibilidades por estradas da rede secundaria e local. Cara ao norte, seguindo o curso do río Navia chegamos á Proba, capital do municipio de Navia de Suarna. O concello conta cun amplo patrimonio artístico e cultural representados pola pintoresca estampa do castelo medieval e a ponte románica de único arco construída en lousa. Pero tamén destacan os vintecinco castros localizados, como os de Cantón e Cabanela unidos por un corredor de 300 metros; catro campos de mámoas; as “alzadas” que eran antigos poboados de verán en zonas elevadas como Bismor ou Tesón; “cortíns” ou alvarizas de colmeas para protexelas do oso; pallozas…

O segundo itinerario desde Liber cara ao sur lévanos ata Degrada, ben pola capital municipal de Cervantes en San Román, ben por Doiras e o seu castelo inexpugnable pola factura da construción pétrea e a súa situación nun outeiro de difícil acceso sobre o río. O castelo, de propiedade privada, tamén é famoso literariamente pola lenda da Muller Cerva, a filla dun pobre encantada por un mouro (personaxe recorrente na mitoloxía popular galega) e cazada traxicamente polo seu irmán.

En Degrada está o albergue dos Ancares e o Centro de Interpretación. Desde aquí parte a ruta a pé de dificultade media- alta que conduce á Campa de Tres Bispos (1.795 m). Porén, o itinerario máis transitado continúa pola sinuosa estrada ata a aldea de Piornedo. De obrigada visita son as pallozas, vivendas circulares de ancestral orixe habitadas ata o século XX. Algunhas abren ao público como museos deste pasado ben gardado na memoria familiar dos seus propietarios.

Desde a ermida de Piornedo parte a ruta do Mustallar (1.935 m), o punto máis alto dos Ancares lucenses, cuxa ida e volta require todo un día de camiñada por sendeiros de montaña.

Ademais das galerías fluviais e os ecosistemas de montaña que na actualidade se inclúen como zona de paso do oso pardo, a zonas núcleo da reserva inclúe extensas superficies arboradas algunhas con nome propio. Por exemplo o valioso faial da Pintinidoira, entre os concellos das Nogais e Cervantes, inmerso nun bosque de rebolos e abeleiras. No concello de Becerreá, o curioso aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira. A presenza de aciñeiras tipicamente mediterráneas illadas neste punto é un relicto asociado a un afloramento calcario do solo (Ver LIC Cruzul-Agüeira).

E sempre é recomendable a visita ao castro de Cervantes, un lugar tocado pola maxia da beleza natural dos Ancares onde se reúnen ademais os valores dun conxunto castrexo ben conservado á par da igrexa rodeada do seu pequeno cemiterio en curiosa estampa.

Natureza  Senlleira   

Monte baixo cobre gran parte das abas orientais. Importantes colonias arbustivas pola produción de bagas como os acivros e arando. Abundan os soutos e as carballeiras.

Na fauna cómpre unha mención ás especies emblemáticas que non se achan noutras partes de Galicia como o oso pardo ou a pita do monte que tivo aquí os últimos cantadeiros da comunidade. Proliferan os xabarís, corzos, cervos, coellos.


View Larger Map

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *