O Templo soterrado de Santalla de Bóveda

En Bóveda de Mera, unha pequena localidade rural de Lugo, atópase un dos monumentos máis enigmáticos do patrimonio cultural de Galicia: O monumento soterrado de Santalla de Bóveda. Foi descuberto polo párroco local, José María Penado, tras estudar os libros de fábrica da igrexa actual e escavar un foxo debaixo do atrio ata dar coa antiga construción. Non obstante, o achado non se fixo público ata 1926. Despois de varias escavacións, restauracións e estudos, foi declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1985.

Na túa visita a este edificio semienterrado, o primeiro elemento co que te atoparás será a súa fachada, que consiste nun vestíbulo porticado e flanqueado por dous machóns que conserva dúas columnas compostas por tambores de granito. O máis extraordinario deste conxunto son os relevos de temática variada, como representacións de aves e figuras humanas rodeadas de motivos vexetais.

Unha vez que pases baixo o arco de ferradura, considerado un dos máis antigos da Península Ibérica e mesmo de Europa, no interior descubrirás unha estancia con planta dividida lonxitudinalmente en tres espazos separados por arcadas. Todo cuberto por unha bóveda de medio punto con decoración pictórica de gran realismo, que volve mostrar figuras de aves con motivos vexetais, florais e xeométricos cheos de cor. Tamén chama a atención o estanque rectangular que se abre no centro desta habitación principal.

A súa construción e os elementos ornamentais outórganlle un carácter singular en Europa occidental á vez que complican a determinación da súa orixe e finalidade. A forma basilical da planta e o arco triunfal, así como a figura en relevo dun peixe e uvas, levaron aos primeiros investigadores a determinar que se trataba dun templo dos primeiros séculos do cristianismo. O descubrimento doutros elementos pictóricos como a banda xadrezada pintada na estancia principal rebateron a primeira hipótese e expuxeron a posibilidade de alternativas pagás.

Así, desde 1926 suxeríronse diversos fins orixinais do templo de Santalla de Bóveda tales como templo pagán consagrado ás ninfas, lugar de baños, igrexa martirial dedicada a Prisciliano, templo de culto a Isis ou monumento funerario. Un amplo abano de posibilidades creado a partir de detalles que ti mesmo poderás valorar na túa visita.

Se despois de analizar este santuario espértase a túa vea arqueóloga, podes achegarte á cidade de Lugo, a menos de 15 quilómetros, para percorrer a súa Muralla Romana e indagar sobre a súa historia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *