O Mosteiro de Samos

O Mosteiro de San Xulián (ou San Xián), coñecido coma Mosteiro de Samos, está situado no concello ao que lle deu o nome: Samos; un municipio da comarca de Sarria, no Sur da provincia de Lugo, non moi lonxe da fronteira con Castela. O de Samos é un dos tres mosteiros habitados de Galicia, e é tamén o mosteiro español que leva máis tempo habitado (máis de 1.500 anos de vida monástica case ininterrompidas).

O cenobio foi fundado na época do Reino Suevo por Martiño de Dumio, un importante relixioso de orixe húngara. Destes anos vén o nome de samos, que ten a súa orixe na voz sueva sámanos (lugar de monxes). O lugar foi abandonado durante un breve período a causa da invasión musulmá, e foi recuperado polo rei Froila I. No mosteiro pasou a adolescencia o que sería Afonso II o Casto, rei de Galicia e Asturias. Grazas a isto, o mosteiro gañou protección real e ampliou os seus dominios. A mediados do século X, o bispo de Lugo levou a cabo unha tentativa fracasada de tomar o control do mosteiro. No 960, os monxes samanenses adoptaron a Regra de San Bieito, á que permanecen fieis hoxe en día. Pouco tempo despois seguiron a reforma cluniacense.

Durante a Idade Media o de Samos foi un dos máis importantes centros relixiosos do Noroeste peninsular. Nos séculos XVII e XVIII o mosteiro sufriu numerosas obras (realizadas debido á destrución causada por un incendio no 1558) que lle deron o seu aspecto actual. No século XIX, os monxes foron exclaustrados pola Desamortización de Mendizábal, e volveron ao cenobio a finais de século. Dende entón, continuaron a súa vida preto de Deus, sen maiores alteracións que outro incendio no 1951.

O mosteiro ten un grande valor artístico, e nel observamos moitos estilos, como son o románico, o tardogótico, o renacentista, o barroco ou o neoclásico. O cenobio é grandioso e monumental en tamaño e formas, á vez que austero e sinxelo en decoración. A igrexa monacal é na súa esencia barroca, con formas que anticipan ao Neoclásico. A súa fachada principal, posúe unha escalinata que recorda á da Catedral santiaguesa.

Samos conta con dous claustros; o grande e o pequeno. O claustro grande ou Claustro do Pai Feijóo é o claustro máis grande de España e ten no seu centro unha fermosa estatua deste relixioso e pensador que viviu un tempo neste mosteiro. Posúe estilo herreriano, e foi construído no século XVII. O outro claustro, o pequeno, ou Claustro das Nereidas, é de estilo tardogótico, e recibe o seu nome pola fonte que se atopa no seu centro, cuxa copa é sostida por esculturas destes seres mitolóxicos.

A día de hoxe, este lonxevo mosteiro está perfectamente conservado, e dispón de visitas guiadas que permiten desfrutar a súa beleza e enormidade. É así, unha perfecta razón para unha excursión polas terras do río Sarria, que non están a máis de unha hora de Lugo capital.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *