O mercado dos Pendellos de Agolada

As feiras de artesanía e gando en Galicia ocuparon un papel fundamental no desenvolvemento de pobos e cidades desde o século XVIII. No marco dunha agricultura de autoconsumo, a poboación rural intercambiaba os seus escasos excedentes por produtos da pequena industria artesá ou por outros produtos necesarios para o fogar. Ademais do gando; o queixo, a manteiga, os ovos, os pitos, as cuncas, as zocas e outros artigos do  artesanado rural formaban parte do día a día de mercados tradicionais como o dos Pendellos de Agolada.

En Agolada, municipio pontevedrés pertencente á Comarca de Deza, atópase este conxunto histórico onde se pode coñecer un pouco mellor a vida e os hábitos da Galicia rural do século XVIII. Por aquel entón, a economía do concello estaba tradicionalmente vinculada á gandería, á agricultura e á explotación dos montes. Ademais, celebraba todos os meses unha feira dedicada ao comercio de gando, produtos agrícolas, téxtiles, ferramentas… coñecido como mercado medieval dos Pendellos de Agolada. Un espazo no que se celebraba o típico ritual do troco, compravenda, charlas, regateos e demais artimañas comerciais.

Os pendellos eran construcións sen demasiada ornamentación que estaban estritamente pensados para ser económicos e funcionais. Aínda que a RAG (Real Academia da Lingua Galega) os define como “pequenas construcións, normalmente pegadas á casa labrega, que serve de almacén para gardar leña, o carro, as ferramentas de traballo e outros utensilios”, o certo é que existían diferentes tipos.

(1) Aqueles utilizados para a exposición de mercadorías, cubertos por un tellado de laxas de pedra que protexía os produtos do sol ou da choiva, (2) os que se usaban como comedores con -unicamente- unha cuberta apoiada sobre alicerces e/ou muros, (3) os que se utilizaban para gardar o gando ou almacenar os artigos de mercadoría e que, mesmo podían ter unha planta superior destinada á vivenda e, por último, (4) outros que funcionaban como pousadas para os que acudían ao lugar os días de feira. Con todo, unha característica común a todos é a súa construción sinxela, con poucas xanelas, de forma rectangular e empregando materiais propios da contorna como o granito, madeira -xeralmente de castiñeiro- e lousas.

Despois do éxito do recinto feiral, e aínda que permaneceu en uso ata principios dos anos 70 (s.XX), a degradación e o abandono terminou por provocar a derriba de boa parte do conxunto. Anos máis tarde foi declarado Conxunto Histórico-Artístico e comezáronse a promover as obras de conservación que pretenden conservar un dos lugares máis emblemáticos da comarca.

Sen dúbida, o valor do mercado dos Pendellos de Agolada non é só arquitectónico senón que posúe un importante valor etnográfico para a comunidade, e os seus habitantes constátano. Hoxe en día, e grazas á iniciativa dos veciños, segue sendo o escenario dunha feira de venda de produtos de carácter artesanal e ecolóxico os días 12 de cada mes.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *