O Castro de Borneiro, unha “cidá” de 2.500 anos

A escasos tres quilómetros do mar, en Cabana de Bergantiños, atópase un dos xacementos arqueolóxicos máis representativos da cultura castrexa en Galicia: o Castro de Borneiro. A cultura  castrexa aglutina un conxunto de manifestacións culturais que afloraron no noroeste da Península Ibérica desde finais da Idade do Bronce (séculos IX-VIII a.C.) ata o século I d.C. No caso concreto do Castro de Borneiro, estímase que estivo habitado entre os séculos IV a.C. e I-II d.C.

 

As sucesivas escavacións levadas a cabo desde o descubrimento do xacemento en 1924 por Isidro Parga Pondal, permítennos achegarnos á vida cotiá dos seus habitantes, así como ás súas actividades económicas e espirituais.

 

Situado a 200 metros de altura e na proximidade dun regato, o Castro de Borneiro é un poboado fortificado permanente, característico da Idade do Ferro, no que viviron entre 300 e 400 persoas, que se dedicaban principalmente á agricultura e a gandería. O poboado presenta un complexo sistema de defensas con tres liñas de murallas e covos, ademais de dúas portas monumentais, unha delas con corpo de garda. No castro pódese distinguir, na parte superior, o recinto principal ou “croa”, onde se atopan as construcións domésticas, e o antecastro, dedicado aos labores agrícolas. Na entrada principal, destaca o barrio exterior, que sería un espazo balneario con fins rituais.

En cada unha das vivendas compartían espazo familias de entre catro e seis persoas, que vestían roupas de la ou liño, tecidas en teares de madeira. Os homes lucían unha túnica de cor escura (sagum) que lles chegaba aos pés, e as mulleres vestidos con adornos florais.

 

En calquera caso, non todas as construcións do castro eran vivendas. Algunhas serían cortes, almacéns, ou mesmo obradoiros de artesáns (ferreiros, oleiros, carpinteiros,  cesteros, etc). Nas escavacións levadas a cabo nos anos 80 baixo a dirección de Ana Romero Masiá, atopáronse abundantes ferramentas e obxectos de metal (adornos, armas…), principalmente de ferro e bronce, o que confirma a posibilidade de que existise un taller metalúrxico de produción local. Estas pezas atópanse actualmente na súa maioría no Museo Arqueolóxico da Coruña.

 

Destaca dentro do conxunto unha construción identificada como sauna (unha das catro aparecidas nos castros galegos) que se localiza no barrio exterior. A sauna presenta varias salas diferenciadas por temperatura, entre as que destaca a zona de vapor e o forno. Como comentabamos anteriormente, enténdese que a función destes espazos non podería ser balnearia sen máis, senón que tería un marcado obxectivo ritual. Crese que acollían celebracións relacionadas con elites guerreiras, ou mesmo poderían funcionar como un santuario no que se venerarían aos deuses e se farían ritos comunitarios como vodas ou selado de pactos.

 

O Castro de Borneiro é tamén a última etapa dunha ruta de sendeirismo que transcorre seguindo o curso do río, a ruta Rego dos  Muíños, ou do Roncadoiro. Unha ruta fácil e ben sinalizada que colle o seu nome do bruído da auga que descende de fervenza en fervenza, e que axuda a poñer en marcha os 24 muíños que nela se conservan. Unha boa maneira de coñecer este poboado de máis de 2.000 anos de antigüidade á vez que se goza da natureza. Ademais, polo Castro de Borneiro pasa a segunda etapa do Camiño dos faros, entre Niñons e Ponteceso.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *