O Castelo de Vimianzo, unha fortaleza repleta de historias e chea de vida

As loitas de poder e os conflitos acaecidos en distintos momentos históricos marcaron o devir da fortaleza que a día de hoxe aínda preside o acceso á localidade de Vimianzo e dá a benvida aos visitantes que se internan nun val rico en patrimonio. Aínda que non existen rexistros concretos acerca da data exacta en que foi levantada a estrutura orixinal, todo apunta a que foi nos séculos  XII e XIII cando os membros da familia Mariño construíron o castelo para exercer desde alí o señorío concedido polo rei Alfonso IX.

Pouco ten que ver a arquitectura actual da fortaleza con aquel primeiro asentamento, pero o recordo do paso do tempo segue presente entre os seus vellos muros de pedra, que teñen recobrado a actividade de outrora grazas a varias iniciativas.

A mediados do século  XV, o Castelo pasou a ser propiedade dos Moscoso e se converteu en escenario de varios episodios históricos: o cativerio do bispo Alonso de Fonseca e, especialmente, a Revolta  Irmandiña. A de Vimianzo foi unha das fortalezas destruídas na loita contra os privilexios e a opresión dos señores feudais, aínda que o fracaso do levantamento e a represión posterior trouxo tamén consigo a reconstrución do castelo. O propio bispo Alonso de Fonseca ordenou levantar de novo a fortaleza, que poucos anos despois volveu quedar baixo o control dun membro da familia Moscoso, erixido en Conde de Altamira.

En recordo daquel episodio revolucionario celébrase cada primeiro sábado de xullo desde fai case un cuarto de século o Asalto ao Castelo, unha festa que ten por escenario a contorna da fortaleza e que combina historia, lenda, gastronomía e música.

O aspecto actual do Castelo vimiancés é o resultado das diversas reformas acometidas ao longo dos séculos ata finais do XIX e dos traballos de restauración realizados tras varias décadas de abandono no XX.

O nobre e poeta Evaristo Martelo (1853-1928) foi un dos seus últimos habitantes e exerce hoxe en día de protagonista das visitas  teatralizadas que o Concello organiza periodicamente á fortaleza. Ademais, quen se interne entre os seus muros poderá contemplar o traballo (liño, encaixe, coiro, prata, cestería, olería) dos creadores da  Mostra de Artesanía ao Vivo e constatar que a fortaleza está a escribir unha nova páxina da súa historia.

Máis información sobre as actividades no Castelo, aquí.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *