Natureza salvaxe na Serra da Groba

Sen o balbordo dos coches de fondo, cunhas vistas inmellorables e unha contorna salvaxe case intacta, a Serra da Groba é un paraíso para sendeiristas e amantes da Galicia máis enxebre. Trátase dunhas montañas que comprenden os municipios da Guarda, Baiona e Oia, na provincia de Pontevedra, nas que resulta especialmente fácil desconectar e esquecer as tensións do día a día.

A proximidade da serra ao océano Atlántico ofrece unha panorámica incrible dos recunchos que produce o mar sobre a costa. En miradoiros como o do Cortelliño, situado no camiño do alto da Groba – a uns 663 metros de altitude-, atoparemos boa mostra diso.

A cada paso polos camiños e carreiros que percorren este lugar, rodearémonos dunha vexetación de piñeiros, plantas de matogueira baixa como o toxo e outras especies típicas da zona, que acompañan aos cabalos salvaxes que pastan libres neste terreo.

Unha especie autóctona que se pode ver xa en moi poucas zonas da comunidade autónoma e que presenta unha maior concentración nesta serra. Un atractivo indubidable se queremos gozar da vida natural en estado puro. De feito, é un dos poucos sitios que manteñen a tradición dos curros -máis coñecidos como ‘Rapa das Bestas’-, unha celebración ancestral da cultura popular galega, na que cada ano se marcan os cabalos salvaxes que campan ás súas anchas por estas ladeiras.

Doutra banda, a presenza destes animais tamén se ve reflectida na concentración de rocas gravadas que datan da Idade de Bronce. Un testemuño da presenza deste tipo de gando desde fai miles de anos, que se pode coñecer grazas á ruta dos petróglifos ata Campos e Outeiro dos  Lameiros. Iso si, existen outras mostras de arte rupestre na zona que non te podes perder, como o gran labirinto de pedra escrita de Burgueira, A Cabeciña en Mougás ou a pedra do cazador en Pedornes.

Por suposto, se aínda quedan ganas, outra opción é seguir a ruta secundaria do Camiño Portugués pola Costa que cruza a Serra da Groba. Non fai falta que sexas peregrino para percorrer algúns quilómetros deste itinerario xacobeo con tanto valor histórico e ambiental.

Finalmente, o colofón a un día de desconexión, podémolo atopar na parte inferior oeste da serra, onde se atopan as Pozas de Mougás. Un espazo que se converte nun lugar de gozo para os bañistas nos meses de verán, pero que presenta o súa mellor cara trala época de choivas, cando a abundancia da auga forma verdadeiras marabillas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *