Muxía, tradición esculpida no corazón da Costa da Morte

Tradición e lenda, relixión e maxia, pedra e mar… Varias dualidades conviven en Muxía configurando o carácter dunha localidade de vocación mariñeira e chea de atractivos que ofrecer ao visitante. Situada no corazón da Costa da Morte e na península que pecha o extremo sur da Ría de Camariñas, as orixes desta vila pérdense no pasado, pero os ecos daqueles tempos chegaron ata os nosos días e déixanse sentir con forza na contorna do santuario da Barca.

 

O monumento máis emblemático da localidade foi á vez testemuña e protagonista da súa historia. Alí celébrase cada ano, chegado o mes de setembro, unha multitudinaria romaría que atrae ata o santuario a miles de persoas chegadas de toda Galicia para render homenaxe á Virxe. O templo foi reconstruído en varias ocasións. A máis recente, tras o incendio que sufriu o día de Nadal do 2013.

 

O lugar é tamén punto de destino de moitos peregrinos que, tras chegar a Compostela e visitar a tumba de Santiago, deciden prolongar o seu roteiro ata Muxía para visitar outro dos espazos intimamente ligados á tradición xacobea. Di a lenda, explicando tamén o nome do santuario, que este foi erixido no lugar ao que chegou a Virxe nunha barca de pedra para infundir ánimos ao Apóstolo.

 

Por iso non é de estrañar que as pedras que rodean o templo estean repletas de simbolismo. A máis famosa de todas elas é a de Abalar, unha enorme mole granítica de 70 toneladas de peso que a tradición identifica co casco da embarcación da Virxe. Pola súa forma e a súa localización realiza un movemento oscilante cando varias persoas soben aos seus extremos. Esta singular característica espertou o asombro dos visitantes durante séculos, aínda que nos últimos anos só puido abalar de xeito intermitente por mor dunha fractura. Segundo a tradición, a pedra foi escenario de ritos antigos relacionados coa fertilidade.

 

Outras pedras con nome propio do santuario son a Pedra do Temón, que sería outra das partes da embarcación da Virxe; a dos Namorados e a dos Cadrís, cuxa forma lembra a un ril e por iso atribúenselle propiedades curativas se se cumpre co rito de pasar baixo ela nove veces. 

 

Nas inmediacións do santuario pódense ver tamén outras pedras cargadas de simbolismo, as que forman A Ferida. Pero neste caso non foi a natureza a que lles deu forma, senón a man do home. Trátase dunha peza de gran formato realizada polo escultor Alberto Bañuelos-Fournier a modo de homenaxe aos voluntarios que loitaron contra a marea negra do Prestige e de recordo daquela catástrofe.

 

A Sala do Perello completa este percorrido pétreo pola historia e as lendas de Muxía. Non moi lonxe do santuario varias pedras de grandes dimensións forman unha especie de habitáculo que, segundo contan, no pasado tivo algún morador singular. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *