Mosteiro San Xoán de Poio, símbolo do patrimonio monacal galego

As características orográficas de Galicia, a súa situación e mesmo o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago son algunhas das razóns que converten á Comunidade galega nun punto de referencia para descubrir un patrimonio monacal de gran valor histórico. Preto de Pontevedra, atópase o Mosteiro de San Xoán de Poio, un templo cuxa construción estímase ao redor do século VII e que ademais do propio interese arquitectónico rodéase doutros elementos de gran interese para os visitantes.

Aínda que non se coñece con exactitude o ano da súa creación, sábese que existía no 942 e que se atribúe a súa fundación a San Frutuoso. Abandonado en 1835 polos monxes beneditinos foi ocupado posteriormente -en 1890- pola Orde da Mercé, que o rexenta ata a actualidade.

No conxunto monástico, declarado monumento histórico-artístico, destaca sobre todo a súa igrexa do século XVII, cunha impoñente fachada barroca custodiada polas figuras de San Xoán, Santo André e Santiago. Sen desmerecer o interior, que ademais da beleza do seu retablo de estilo churrigueresco (un peculiar estilo arquitectónico e de decoración moi difundido en España a finais do século XVII e comezos do século XVIII), acolle a tumba da venerada Santa Trahamunda, tamén coñecida como a ‘patroa’ da morriña galega.

Pero sen dúbida, un dos recunchos con máis encanto do conxunto é o seu claustro do século XVI, en concreto, o chamado claustro das Procesións. Unha vez dentro, só hai que pararse a escoitar con atención e seguir o son da caída da auga da fonte que se atopa no centro. Unha obra de Mateo López (tamén artífice, xunto a Ruiz de Pamames, da igrexa  monacal e o claustro), que chama a atención polos rostros e elementos de decoración que a rodean.

Por outra banda, merece unha mención especial a súa biblioteca. Un espazo que conta con máis de 130.000 exemplares (moitos de gran valor) distribuídos en, nin máis nin menos que, dezaseis salas. Sen dúbida, un recuncho que garda e conserva auténticos tesouros que enxalzan a identidade e memoria de Galicia.

Hoxe en día, o mosteiro de Poio abre as súas portas e permite o aloxamento na súa hospedería (http://monasteriodepoio.es/ ) en cuartos individuais, dobres e triplos con opción a almorzo, comida e/ou cea se se desexa. Ademais, nun dos campos monacais que rodean o conxunto, o visitante pode contemplar un dos hórreos de maior lonxitude de Galicia. Con 121 metros de longo sobre un total de 51 apoios, esta construción postúlase como outro dos atractivos do municipio.

Con todo, a espectacularidade do Mosteiro de San Xoán de Poio supera as expectativas do visitante con tan só botar unha ollada ó seu redor. A súa situación, próximo á Ría de Pontevedra, ofrece unha panorámica sen igual da contorna da Illa de Tambo, un espazo deshabitado único que foi testemuña dos acontecementos que marcaron a historia da zona.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *