Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, un patrimonio por descubrir

‘Só digo que ningún mosteiro hai en Galicia por grande e groso que sexa, cuxa facenda sexa maior ou máis cualificada que a de San Xusto.’

Padre Antonio Yepes.

E ben certo é que, gran parte da riqueza do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos débese á paisaxe que o rodea. Só hai que achegarse ata o municipio de Lousame, na provincia da Coruña, para comprobalo. Unha localidade integrada no xeodestino Ría de Muros e Noia, con preto de cen quilómetros cadrados de terreo que albergan unha infinidade de tesouros naturais e paraxes excepcionais pouco coñecidos para o visitante.

Trátase dun antigo mosteiro, hoxe declarado Ben de Interese Cultural, fundado en 1131 polos cabaleiros Froila Alonso e Pedro Muñiz de Carnota. Hoxe sen orde relixiosa, o conxunto foi considerado un dos mosteiros cistercienses máis relevantes de Galicia.

Abandonado a principios do século pasado, pouco queda da edificación orixinal. Consérvanse o claustro románico do século XII ou XIII de influencia compostelá, con forma rectangular e de tamaño pequeno. Dez por doce metros, con arcos semicirculares -algúns adornados con molduras- e columnas coroadas con capiteis con decoración vexetal, son suficientes para manter viva a súa historia.

Pola súa banda, a igrexa actual coñecida como Igrexa Parroquial de San Xusto de  Toxosoutos, presenta unha excepcional torre-campanario que lle proporciona aínda máis presenza ao conxunto en xeral.

Sen afastarnos demasiado, seguindo o curso do río San Xusto que baña o concello de Lousame, a beleza deste lugar segue a sorprendernos. De feito, atopámonos nunha zona na que a auga ten moita importancia, dada a abundancia de cursos fluviais e pequenos regatos que discorren por todo o territorio. Por iso, seguindo as sendas que pasan polas beiras do río, moi preto do mosteiro, pódense ver ata dúas fervenzas que contribúen -máis se cabe- ao feitizo no que nos mergulla o son da auga.

Preto delas sucédense diversos muíños, pasarelas de madeira e fontes de pedra que non veñen mal para tomar un descanso. Entre a impresionante paisaxe que forman as pozas de auga, a vexetación e a propia forma do chan chegaremos tamén ata unha ponte medieval engalanada pola vexetación que crece ao seu redor.

Con todo, se aínda quedan dúbidas da beleza desta zona, subir ata o cume coñecido como A Muralla é un bo final para rematar este paseo de emocións. A uns 700 metros de altitude poderemos distinguir municipios limítrofes como o de Rois e Dodro, o val do río Ulla desde Padrón ata a súa desembocadura, toda a Ría de Arousa, boa parte da de Muros e Noia e por suposto, unha panorámica sorprendente de Lousame.

One thought on “Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, un patrimonio por descubrir

  • 22 Xaneiro, 2019 ás 15:41
    Permalink

    El monasterio ya no existe. Lo que quedaba de él, el claustro, fué vendido. Se encuentra en un pazo en Noia.

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *