Misterios de lúa chea no Bidueiral de Montederramo

Xa sexa pola súa contorna ou polas súas lendas, Galicia é un lugar máxico onde naceron multitude de mitos e historias. Un dos mitos máis representativos da cultura popular galega é O Home do Saco, un personaxe lendario que ten a súa orixe -segundo algúns historiadores-  no caso do ‘lobishome’ galego, un dos asasinos en serie e psicópata da historia negra da España do século XIX.

 

Gran parte da historia deste personaxe sitúase nas inmediacións do Bidueiral de Gabín-Montederramo na Serra de San Mamede (Ourense). Unha zona boscosa de destacable importancia ecolóxica que se atopa na transición entre a Ribeira Sacra e o Macizo de  Quiexa-Manzaneda, integrada na Red Natura 2000. E é aquí, entre os bidueiros e demais especies autóctonas que o conforman, onde se desenvolve a historia do primeiro caso de  licantropía clínica que se rexistra en España.

 

Manuel Blanco Romasanta, naceu en 1809 na aldea de Regueiro (Ourense) e levaba unha vida corrente como xastre ata o falecemento da súa muller. A partir deste momento, comezou a dedicarse á venda ambulante, movéndose por diversos puntos do territorio galego. Durante estas viaxes entre bosques e remotas sendas, foi acusado de asasinar ao  alguacil Vicente Fernández, un crime polo que foi condenado a dez anos de prisión. Con todo, nunca chegou a cumprir a pena porque se agachou durante meses nas montañas galegas.

 

Ao longo desta etapa, foi o responsable da desaparición de varios viaxeiros aos que prestaba ‘axuda’ no seu paso polos carreiros do bidueiral. Persuadía ás súas vítimas, xeralmente mulleres e nenos, ofrecéndolles un futuro mellor en cidades como Santander ou Ourense. Cando conseguía convencelas, ofrecíase como guía nunha viaxe que xamais concluía no destino prometido, pois no camiño asasinábaas nos puntos máis remotos do bosque. Pero cometeu algúns erros que comezaron a levantar sospeitas entre os aldeáns: enviaba cartas da súa propia man aos familiares das súas vítimas, vendía as súas roupas en feiras e mesmo circularon rumores de que ofrecía unha especie de ungüento a partir de graxa humana.

 

Romasanta, coñecido tamén como ‘sacamantecas’, foi finalmente detido (despois de darse á fuga en máis dunha ocasión) en Toledo, onde xustificou os seus asasinatos por unha suposta maldición que lle facía converterse en home lobo cada noite de lúa chea. Foi probablemente o medo e o terror que sementou en Galicia durante estes anos, o que levou a considerar que Romasanta é a figura que representa ao temido home do saco galego.

 

Na actualidade podemos pasear entre as árbores, que manteñen aínda vivo o recordo do home lobo, grazas á Ruta do Bidueiral. Un percorrido de case dez quilómetros por fragas que acollen importantes mostras de especies autóctonas (bidueiros, abeleiras, piñeiros silvestres, carballos,…) e unha variada fauna na que destacan corzos, cervos, xabarís, lebres, azores, perdices ou aguias. De inicio a fin, a ruta permite admirar as diferentes tonalidades das árbores que, dependendo da estación na que nos atopemos, ofrecen unha visión distinta do lugar.

 

Tras cruzar o bidueiral e completar o traxecto homologado que atravesa a zona de Campo  do Casar, podemos facer o último esforzo e subir á cima de San Mamede -a 1.618 metros de altitude- desde onde podemos avistar unha panorámica inigualable. Alí, atópase a ermida de San Mamede que, segundo conta a lenda, construíuse grazas á axuda de dous corzos que tiraban do carro que cargaba os materiais de construción. Con todo, un dos animais foi devorado por un lobo, cazado pouco despois e castigado a cargar as pedras que compoñen a actual capela.

 

Sexa como for, é máis que evidente que o Bidueiral de Montederramo é un lugar repleto de historias populares que lle suman -aínda máis se cabe- un halo de maxia á contorna.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *