Historia e romanticismo nos Xardíns de San Carlos

Despois dun paseo pola explanada do Parrote, a visita ao Castelo de San Antón e a toma de contacto coa historia da cidade no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, é imprescindible facer unha parada para desconectar e contemplar as vistas que ofrecen os Xardíns de San Carlos. Un lugar tranquilo e ideal para relaxarse entre árbores centenarias sen afastarnos demasiado do centro da cidade.

Aínda que foi construído inicialmente (s. XIV) como fortaleza defensiva, co paso dos anos foi variando a súa funcionalidade. E é que, xa en 1834, o por aquel entón gobernador da praza Don Francisco de Mazarredo transformouno no que é hoxe, un evocador xardín romántico con vistas ao porto e á costa da cidade.

Un dos seus puntos máis destacables é o monumento fúnebre en honra ao xeneral británico que participou na Guerra da Independencia xunto ás tropas españolas, Sir. John Moore. Un alto mando do exército inglés que foi enviado ao noso país en 1808 para expulsar do territorio ás tropas napoleónicas e que, aínda que faleceu a causa do impacto dunha bala de canón na Batalla de Elviña, a súa morte en primeira liña e o reembarque do seu exército foi reflectido como unha auténtica vitoria. Con todo e a pesar dos esforzos, non conseguiu evitar que as tropas francesas tomasen a cidade.

Xunto ao elegante monumento atópanse ademais distintas lápidas e letreiros en homenaxe a Moore, como é a poesía de Rosalía de Castro na que lamenta o lonxe que os seus restos están do seu país natal.  

¡Cuan lonxe, cánto, das escuras niebras,

dos verdes pinos, das ferventes olas

que o nacer viron, dos paternos lares,

do ceo da patria que o alumóu mimoso,

dos sitios, ai, de seu querer; qué lexos

viu a caer baixo enemigo golpe

pra nunca máis se levantar, coitado!

(…)

Recoñecementos que se mesturan cun xardín cheo de especies de árbores tanto autóctonas como exóticas que envolven aos paseantes que se achegan ata este punto nun ambiente case novelesco. Por suposto, mención á parte merécense as dúas árbores centenarias que dan sombra á tumba do ‘heroe’ británico.

Non é difícil coincidir en que é un espazo estupendo se se busca tranquilidade e paz entre o caos e o trafego do día a día. En definitiva, unha parada recomendada para amantes da botánica, a historia e os atardeceres con vistas ao mar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará. Os campos obrigatorios están marcados con *