Guía para viaxar sen perderse pola toponimia galega

Galicia é unha terra rica en toponimia. Os nomes dos nosos lugares, aldeas, pobos e cidades non só nos axudan a identificar e a identificarnos co territorio, senón que en moitas ocasións desvélannos datos curiosos polas referencia que esas denominacións fan a accidentes xeográficos, feitos pasados ou personaxes históricos. Pero a pesar de ter un terzo dos nomes de lugar de toda España, Galicia non é allea ás repeticións no seu nomenclátor. Algúns aparecen ao longo e ancho de Galicia o que en ocasións provoca confusións e fai que algún visitante despistado acabe a decenas de quilómetros do destino esperado.

 

Nomes que se contan por decenas

Galicia non só encabeza a listaxe do territorio con máis topónimos, senón tamén o das denominacións máis recorrentes. Algúns nomes de lugar repítense por decenas e mesmo por centos, tal como ocorre coa Igrexa, topónimo co que se coñecen ao redor de 350 lugares de toda a comunidade, ou co Outeiro, que supera tamén os 300. Ou Castro (sobre 215), Vilar e O Vilar (con case 300 entre as dúas variantes), A Torre, O Pazo e A Casanova (con máis dun centenar e medio en cada caso), e Vilanova, A Costa, A Pena e O Souto (con outro centenar por cabeza) forman tamén parte desta curiosa clasificación que obriga aos visitantes que queren coñecer algúns destas paraxes a  asegurarse ben de cara a onde dirixen os seus pasos para non acabar no outro extremo do mapa. Máis de 250 quilómetros por estrada separan o Rial que mira cara o Atlántico en Fisterra do que case divisa as terras de Portugal desde o municipio ourensán de Lobios. Neste caso parece difícil confundirse debido a que se trata de concellos e provincias diferentes pero se, por exemplo, un ten que dirixirse cara a O Castro, no municipio de Abegondo, primeiro terá que saber se o o seu destino é o lugar que con ese nome se atopa na parroquia de Crendes, en Meangos ou en Vizoño. Casos así son frecuentes por toda Galicia.

 

Cando unha letra nos pode levar moi lonxe

Cando se trata de topónimos claramente asociados con elementos xeográficos e, por tanto, moi frecuentes como é o caso dos anteriores é evidente que resulta necesario asegurarse ben de onde queremos ir. Pero tamén é preciso facelo naqueles casos nos que estamos diante de topónimos pouco estendidos. Só hai dous lugares chamados Bembibre en Galicia, pero máis de dúas horas de viaxe separan o que se atopa no municipio de Val do Dubra do que pertence ao concello de Viana do Bolo. E se o que realmente quere coñecer un é a parroquia viguesa na que se celebra a famosa festa de San Brais ha de ter coidado ao  teclear no seu navegador debido a que neste caso terá que dirixirse a Bembrive. Tampouco é o mesmo pasar polo Couto, na Guarda, antes de subir ao alto do emblemático castro de Santo Tegra que facelo por O Coto para facer parada en Ribadeo e gozar da súa ría.

 

Melide e Compostela, con vistas ao Atlántico

Son varios os aspectos en común que teñen Santiago de Compostela e Melide. O principal é o Camiño de Santiago porque se a capital galega é a meta desta vía de peregrinación universal, Melide é unha das localidades máis importantes da súa ruta principal (o Camiño Francés) xa que serve de final e comezo de etapa converténdose en lugar de paso e parada obrigada para a maioría das persoas que a percorren. Ademais, a pesar de estar situadas no interior da provincia da Coruña, ambas as localidades comparten o feito de levar o mesmo nome que areais da provincia de Pontevedra bañados polo océano Atlántico. A praia de Compostela atópase en Vilagarcía de Arousa e, segundo contan, debe o seu nome a que no pasado foi o areal de referencia para numerosos veciños da capital galega que se desprazaban ata alí en tren. É improbable que os habitantes de Melide protagonizasen un fenómeno similar así que deben ser outras as causas que provocaron que esta localidade comparta nome con dous areais coñecidos pola súa beleza e a súa apartada e paradisíaca situación: unha destas dúas praias de Melide atópase no corazón de Cabo Home (Cangas); a outra presume de ser o areal máis espectacular da Illa de Ons (Bueu), en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. 

 

Saltando de pobo en pobo

O extenso catálogo de praias de Galicia ofrécenos tamén outras curiosas mostras de baile toponímico que poden levar a máis dun a acabar lonxe do seu destino pretendido. Son varios os areais nos que un pode descansar e tomar o sol se visita a localidade coruñesa de Cariño, pero se o que quere é pasear pola praia de Cariño terá que desprazarse ata Ferrol, municipio no que tamén se atopa outro areal que comparte nome con outro concello da provincia da Coruña: Santa Comba. No municipio de Miño poderemos bañarnos na praia de Marín; en Marín poderemos facelo na de Ribeira, e en Ribeira atoparemos coa praia de Touro. Así mesmo, sen saír de Poio daremos coas praias de Padrón e Covelo e quen queira bañarse na de Esteiro deberá decidir se se refire ao areal que se atopa na parroquia homónima de Muros ou ás praias de igual nome situadas nos municipios de Mañón, Ribadeo e Xove.

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *