Ecoespazo ‘O Rexo’. Unha paraxe singular, natural e artística

‘Ás veces, en paisaxes como os de Galicia teño en conta o mundo cultural céltico.’

A visión do pintor e escultor vasco Agustín Ibarrola Goicoechea, trasládase así ao conxunto escultórico do Ecosespazo do Rexo. Un espazo natural reutilizado, na parroquia ourensá de Requeixo de Valverde, que busca a harmonización dos elementos naturais da propia paisaxe -a auga, as árbores ou as pedras- coa incorporación de materiais reutilizables orixinais da zona.

A escasos cinco quilómetros do centro de Allariz, atópase este espazo natural, etnográfico e artístico no que deixa a pegada Ibarrola. Nel podemos atopar diferentes mostras que se funden coa natureza do lugar. En paralelo ao río Arnoia, levántase un conxunto de obras escultóricas en pedra de granito pintadas con motivos abstractos, en ningún caso parecidas. Pola súa natureza, todas as pedras contan con tamaños, formas e disposicións diferentes, feito que permite ao visitante xogar coas perspectivas en función do efecto do sol sobre as obras.

Ademais das esculturas, o tamén fundador e membro do equipo 57 -un grupo de artistas españois formado en París en maio de 1957 en contra do subxetivismo, o surrealismo e calquera contido emocional ou individual na obra plástica-, tamén pintou algunhas das árbores que se atopan xunto ao río.

O espazo organiza tamén diferentes actividades culturais e artísticas que achegan valor ao uso público do ecoespazo. Conta cunha mini central hidráulica -construída na primeira metade do século pasado- reacondicionada para retomar a produción eléctrica, unha granxa-escola que conta coa súa propia explotación de ovino de leite que produce queixo curado de ovella e mesmo, a súa propia queixaría. Sen esquecer o seu Centro de Educación Ambiental no que se mostra ao visitante as posibilidades das enerxías renovables e onde os mozos poden aprender as labores gandeiras co obxectivo de evitar o despoboamento rural e incentivar a creación de novas explotacións.

Pola súa banda, a iniciativa da granxa púxose en marcha no ano 2000 cunhas duascentas ovellas ‘lachas’ (latxa en eúscaro) que, ademais de servir para limpar e abonar de forma natural os montes de O Rexo, son o principal atractivo para as escolas e as familias que se achegan ata este punto.

Por iso Ecoespazo O Rexo é, sen dúbida, unha paraxe singular que consegue que a arte e a cultura sexan recoñecidas como o motor para a conservación dalgunhas paraxes ao aire libre.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *