Destinos para gozar do solsticio de inverno en Galicia

Pasado o ecuador de decembro e pouco antes das celebracións do Nadal, o calendario ofrécenos outra data sinalada que traspasa fronteiras e culturas: o solsticio de inverno. Definido formalmente como o instante en que a posición do Sol se atopa a maior distancia angular negativa sobre o ecuador, este fenómeno astronómico marca a xornada do ano na que hai máis horas de escuridade e menos de luz, e constitúe tamén o tránsito entre o outono e o inverno. É por iso que ten espertado a fascinación humana desde hai milenios inspirando e condicionando crenzas, ritos e construcións. Así ocorreu tamén en Galicia. A continuación convidámoste a coñecer algunhas paraxes e monumentos nas que este fenómeno ten un significado especial.

 

Dolmen de Dombate

Cabana de Bergantiños

A posición dos astros xogou un papel crave na orientación dos dolmens, aínda que hai diferenzas entre o fenómeno astronómico elixido polos seus construtores á hora de levantar estes megalitos. No caso do dolmen de Dombate, situado no municipio coruñés de Cabana de Bergantiños e coñecido como a catedral do megalitismo galego, está clara a súa relación co solsticio de inverno, debido a que a súa cuberta foi disposta de tal maneira que os primeiros raios de sol desa xornada poidan penetrar ata o interior do seu cámara. 

 

Castro de Baroña

Porto do Son

Este xacemento castrexo, un dos máis coñecidos e visitados de Galicia polo seu estado de conservación e a súa singular posición nun promontorio rochoso xunto ao mar, tampouco foi construído de costas aos fenómenos astronómicos. Algúns estudos de  arqueoastronomía identificaron aliñamentos que o relacionan co solsticio de inverno. Así, aínda que calquera época do ano é boa para gozar alí dunha fantástica posta de sol, é durante esa xornada de tránsito entre estacións cando se pode apreciar como o corredor que conduce a un miradoiro natural sobre o mar se aliña co ocaso do sol. Isto levou a expor a que o lugar podería ter sido escenario dalgún rito por parte dos seus antigos moradores.

 

Pena de Rodas

Outeiro de Rei

Estas dúas grandes formacións graníticas situadas a máis de 600 metros de altura no municipio lucense de Outeiro de Rei son famosas por inspirar varias lendas, pero tamén pola súa peculiar posición. Algúns investigadores sosteñen que foi un lugar de culto na antigüidade por estar orientado cara á posta de sol durante o solsticio de verán, pero tamén nos ofrece unha espectacular panorámica durante o solsticio de inverno, neste caso da saída do sol.

 

Monte de San Trocado

Punxín, Cenlle e San Amaro

Nas inmediacións do espectacular castro de San Cibrao de Las álzase un monte cuxa cima estivo ocupada en tempos por outra construción castrexa. Do mesmo xeito que outros lugares similares, en séculos posteriores foi cristianizado coa construción dunha capela que a día de hoxe segue acollendo unha popular romaría. Pero o culto dos seus antigos moradores ao sol segue presente tamén. Os expertos sinalan que durante o solsticio de inverno o sol alíñase con ese recinto e cun abrigo rochoso que garda un petróglifo. 

 

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre

Campo Lameiro

A importancia que os fenómenos astronómicos tiñan para quen habitou Campo Lameiro hai 4.000 anos ponse de manifesto nos petróglifos que se poden ver no seu parque arqueolóxico dedicado á arte rupestre. Unha das súas figuras máis coñecidas é o cervo do petróglifo de Laxe dos Carballos, cuxas hastas presentan unhas ramificacións que foron interpretadas por algúns estudosos como contas astronómicas. Ademais, hai quen sostén que na época na que foi tallada, a figura estaba orientada cara á saída do sol durante o solsticio de inverno.

 

Monte Esperón

Narón

“Por Santa Lucía, a máis longa noite e o máis curto día”. A substitución do calendario  xuliano polo gregoriano e a eliminación de dez días do mes de outubro de 1582 para corrixir a desviación acumulada é a explicación máis aceptada de por que ese refrán popular xa non se cumpre, posto que a celebración de Santa Lucía (13 de decembro) non coincide desde entón co solsticio de inverno, pero a vinculación de ambos acontecementos segue vixente nalgúns lugares. É o caso da parroquia de Sedes, en Narón, onde os celebran de forma conxunta o sábado máis próximo ao 13 de decembro cunha Noite de Luz que arrinca na capela de Santa Lucía e conclúe na cima do Monte Esperón cun aceso de fachos.

 

Cabo Fisterra

Fisterra

A historia do Cabo Fisterra estivo ligada estreitamente ao sol desde tempos inmemoriais converténdose así en lugar de culto e peregrinación. Alí, segundo a lenda, alzábase un altar dedicado ao sol (Ara Solis) e alí consideraban os romanos que se situaba o final da terra (de aí o nome latino orixinal do lugar, Finis Terrae). Na actualidade, as súas postas de sol seguen cativando a miles de persoas, e o solsticio de inverno é unha ocasión inmellorable para comprobar por que o cabo mantén intacto o seu magnetismo milenario.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *