Destinos para comezar o ano entre xogos

Os Reis Magos xa deixaron o seu cargamento de agasallos e diversión, pero se quedaches con ganas de máis, aquí tes unha pequena mostra do que Galicia ten que ofrecer a quen queira divertirse entre xogos, xoguetes e outros obxectos lúdicos. Son lugares para comezar o ano con ilusión ou para planificar as túas excursións para os próximos meses. Gózaos.

 

Museo Etnolúdico de Galicia

Ponteceso

Na localidade bergantiñá de Ponteceso atópase este auténtico paraíso para os amantes dos xogos e os xoguetes. Máis de 4.000 pezas procedentes de todo o mundo forman a colección deste centro no que conviven culturas milenarias, xogos tradicionais galegos e exemplos de como evolucionaron as prácticas deportivas. Os visitantes terán tamén a oportunidade de participar nalgunhas das actividades que alí se organizan como talleres de plastilina, origami ou construción de xoguetes. Máis información aquí.

 

Aldea Grobit

O Grove

Os hobbits, personaxes creados polo escritor J.R.R. Tolkien, teñen uns parentes na Toxa, a pequena e famosa illa situada no municipio pontevedrés do Grove. O seu lugar de residencia, a Aldea Grobit é un parque infantil formado por pequenas vivendas que parecen brotar da terra (unha delas pódese visitar), zonas de xogo e troncos multicolores. O espazo está situado nun parque forestal de gran valor natural habitado tamén por un par de apracibles burros, sempre dispostos a interactuar cos visitantes. Máis información aquí.

 

Illa do Covo

Pontevedra

Esta pequena illa fluvial situada nas augas do río Lérez combina cultura, lecer e diversión para converterse noutro destino ideal para as familias. Alí sitúanse as pezas do proxecto artístico bautizado como a  Illa dás Esculturas, zonas para o paseo e un espazo para o lecer en familia. É, ademais, escenario dunha orixinal proposta denominada Descubrindo a Illa do Covo, que anima aos participantes a descubrir o patrimonio artístico e natural do lugar a través dunha ruta guiado por oito vídeos. Máis información aquí.

 

Cidade da Cultura

Santiago de Compostela

O complexo levantado no monte Gaiás ofrece numerosas propostas para gozar dunha xornada de xogos e diversión en familia. O rocódromo e a pista de skate do Xardín do Teatro e a zona de xogos do Parque da Balea farán as delicias de nenos e mozos, mentres que aqueles que prefiran pasear ou relaxarse nunha contorna verde poderán facelo no Parque do Lago, no Xardín Literario ou no Bosque de Galicia. Máis información aquí.

 

Domus

A Coruña

Os seus máis de 150 módulos interactivos converten este museo coruñés nun lugar ideal para aprender e reflexionar sobre os seres humanos dunha forma lúdica e divertida. Na actualidade, por mor da  covid, ofrece tres actividades (maker@domus, atapuerca@domus e misión@domus) previa reserva de prazas destinadas a grupos de conviventes. Máis información aquí

 

Museo Galego do Xoguete

Allariz

Entre a ampla oferta museística do municipio ourensán de Allariz hai un oco tamén para o mundo do xoguete. O Museo Galego do Xoguete, situado no pazo do antigo xulgado, acolle unha colección de xogos e xoguetes de épocas moi diferentes. Máis información aquí.

 

Colección de Trens Fernández Pacheco

Ourense

A historia e evolución do mundo do ferrocarril está condensada nas máis de 4.000 pezas desta colección que abarca desde as primeiras máquinas de vapor ata a alta velocidade. Entre as súas réplicas a escala non faltan trens míticos como o Orient  Express ou a máquina empregada polo cómico Buster Keaton na película “O maquinista da Xeneral”. A colección pódese visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Máis información aquí.

 

Granxa de Briz

Marín

Lagos, tobogáns, xogos integrados na natureza e espazos para o paseo danse cita nun recinto que ata comezos do século XIX formou parte das posesións do mosteiro de Oseira. O lugar inclúe tamén un espazo denominado Parque dos Sentidos con cinco zonas diferenciadas para estimular o tacto (con texturas diferentes), o oído (con instrumentos musicais de gran tamaño), a vista (coas panorámicas que ofrece o lugar), o olfacto (con plantas aromáticas) e o gusto (con árbores froiteiras).

Máis información aquí.

 

Museo de Maxia Kiko Pastur

Santiago de Compostela

Desde novembro do 2020, o mundo do ilusionismo dispón dun espazo propio e monográfico na zona vella de Compostela. O mago Kiko  Pastur é o impulsor e director deste museo no que é posible observar aparellos e pezas históricas, ver reproducións dalgúns dos números dos grandes magos da historia e sorprenderse con ilusións ópticas que desafiarán a nosa mente. Máis información aquí.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *