De ruta por algúns dos cruceiros máis singulares de Galicia

Diseminados por toda Galicia, os cruceiros constitúen xa un elemento máis da paisaxe desta terra e unha dos principais símbolos da identidade das súas aldeas, pobos e cidades. É difícil precisar cantas destas pezas poboan as inmediacións das igrexas, dos cruces de camiño e doutros puntos de significación especial como cemiterios ou cimas de montes, pero algunhas estimacións elevan a cifra por enriba dos 10.000. Forman pois un patrimonio inxente, pero tamén de gran valor artístico e histórico. E moitas destas pezas son, ademais, únicas pola súa calidade escultórica, a súa importancia histórica ou a súa singularidade. A continuación propoñémosche un percorrido por unha pequena selección dalgúns dos cruceiros máis emblemáticos de Galicia.

 

Cruceiro do Hío

Cangas

Considerado por moitos como o  cruceiro máis bonito de Galicia, esta maxestosa peza situada na parroquia canguesa do Hío foi construída no ano 1872, tal como se pode ler nunha das súas tallas. Os expertos atribúena ao mestre Cerviño e destacan da obra o detalle e a variedade das esculturas que se poden ver desde a súa base ata o seu punto máis alto. O pecado orixinal, a Inmaculada e o desencravo de Cristo son algunhas das imaxes que forman este espectacular cruceiro situado nun punto desde o que tamén  gozaremos das vistas da ría de Aldán.

 

Os Cruceiros Bonitos

Abegondo

A súa peculiar forma e a súa beleza propiciaron a singular e descritiva denominación coa que é coñecido este cruceiro situado no municipio coruñés de Abegondo. A súa construción data de 1787 e aínda que na actualidade se atopa nas marxes da estrada AC-542, orixinariamente estaba situado no Camiño Inglés. As catro columnas coroadas por senllas figuras que flanquean o varal e que están unidas a leste por pezas metálicas distíngueno da maioría dos cruceiros que se poden ver en Galicia e lígano con algunhas das pezas da Bretaña francesa.

 

Cruceiro de Melide

Melide

No centro da localidade coruñesa de Melide, en pleno Camiño Francés, atopamos esta peza do século XIV. Esa datación convértea no cruceiro máis antigo de Galicia, aínda que algúns especialistas consideran que non se trata dun cruceiro no sentido máis estrito, senón dunha cruz que orixinalmente formaba parte doutro conxunto escultórico e que foi reconvertida con posterioridade para ese uso. De feito o fuste é máis moderno e a peza cambiou de localización polo menos tres veces. En calquera caso, trátase dunha obra emblemática.

 

Cruceiro de Mondariz

Mondariz

O  cruceiro situado no cemiterio municipal de Mondariz podería compartir paternidade co do Hío, aínda que o motivo da súa inclusión nesta listaxe é moi diferente. O que converte esta peza nun monumento singular son as súas dimensións. Os seus oito metros e medio de altura, dos que máis de 5 corresponden ao fuste e o resto ao capitel e á cruz, convérteno no cruceiro máis alto de Galicia por diante doutras pezas monumentais como as situadas na colexiata de Santa María do Campo, na Coruña; na igrexa de Santa María A Antiga, da Pobra do Caramiñal, ou na de aldea de Romelle, en Zas.

 

Cristo Enxoito

Xermade

Algúns cruceiros foron resgardados baixo construcións posteriores de tipoloxías diversas para protexelos das inclemencias meteorolóxicas, pero no caso do situado xunto á igrexa parroquial de Xermade a solución adoptada convérteo nun caso singular. Un pequeno disco circular de pedra sobresae sobre a cruz a modo de paraugas ou parasol. 

 

Cruceiro da Santísima Trindade

Baiona

Datado no século XV, este cruceiro localizado na parte alta de Baiona destaca polo  baldaquino de forma piramidal que o cobre, pero tamén polas figuras que adornan o conxunto e polas policromías que aínda se poden apreciar nelas e que as emparentan coas do Pórtico da Gloria. O lugar serviu, en tempos da peste negra, de altar desde o que oficiar misas.

 

Cruceiros da Ruta do Mar de Arousa e o río Ulla

Municipios da ría de Arousa

Un total de 17 cruceiros integran este conxunto sen parangón, debido a que forman o único viacrucis fluvial do mundo. Foron levantados nos anos 60 do século pasado para lembrar e conmemorar o percorrido que segundo a tradición seguiu a embarcación que trasladaba os restos do Apóstolo Santiago ata Pontecesures. Están situados en puntos sinalados da costa dos municipios situados en ambas beiras da ría de Arousa: desde Ribeira ata Pontecesures.

 

Cruz da Pedra da Serpe

Corme (Ponteceso)

A importancia deste monumento situado nun cruzamento de camiños nas inmediacións da aldea de Gondomil non radica na cruz, senón no que se atopa baixo dela: unha serpe alada tallada directamente nunha pedra de granito e que podería ter a súa orixe nalgún culto pagán ancestral. A cruz colocada posteriormente tería como obxectivo cristianizar o lugar e liberalo do seu significado orixinal.

 

Cruceiro do Cebreiro

O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro)

A súa situación, nun dos puntos máis emblemáticos do Camiño Francés, fai que a influencia do fenómeno xacobeo e do culto ao Apóstolo sexa moi visible neste  cruceiro. O propio Santiago aparece representado no fuste do cruceiro coas vestimentas típicas do peregrino e varias vieiras, outro dos grandes símbolos de quen realiza esta ruta, decoran as esquinas do capitel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *