De ruta polas lagoas de Pena Trevinca

O turismo en Galicia ofrece unha infinidade de posibilidades para diferentes tipos de turista. Entre outras cousas, levamos por bandeira as praias, a gastronomía, o patrimonio histórico e por suposto, o noso patrimonio natural. Por iso, unha das mellores opcións que se expoñen para coñecer a fondo os recunchos da nosa terra, é percorrer algunhas das moitas rutas que salpican a nosa xeografía. Nos montes de Pena Trevinca, na parte máis oriental da provincia de Ourense, é posible pasear por unha contorna que practicamente parece estar inexplorada polo home.

Este espazo protexido, con cumes que superan os 2.000 metros de altitude -Pena Trevinca (2.127m), Pena Negra (2.123m), Pena Survia (1.122m)-, ofrece unha das estampas invernais máis belas con montes cubertos de neve, ríos de alta montaña e lagos naturais, algúns mesmo de orixe glaciar. Aínda que existen diferentes camiños na zona, se nos decantamos pola Ruta das Lagoas do Xares -con inicio na aldea da Ponte- gozaremos das lagoas protagonistas deste territorio declarado Rede Natura 2000, Espazo Natural Protexido e Lugar de Interese Comunitario.

O itinerario, duns catorce quilómetros e apto para todos os públicos, transcorre por unha paisaxe que chama a atención pola enorme riqueza da súa fauna e flora. Na zona, que é case un lugar de peregrinación para os que buscan cogomelos, é fácil atoparse con cervos,  xabarís, lebres, coellos e demais especies. Aínda que hai que destacar as aves rapaces que sobrevoan o ceo e en especial a subsistencia dunha parella de aguias reais. Con todo, ao longo do traxecto atopámonos con marabillas naturais como as lagoas de Carrizais, A Laceira, Ocelo e A Serpe.

O certo é que entre tanta beleza sería difícil elixir cal nos parece máis espectacular, cada unha ten algo especial. A de Ocelo, por exemplo, formou parte do escenario dunha película galega dirixida por Ignacio Vilar, Pradolongo. Mentres que A Serpe, que se atopa a máis de 1.967 metros de altitude, envólvese de misticismo grazas a unha lenda. Contan que todas as noites de San Xoán pódese ver a unha princesa nova, que o resto do ano permanece como serpe, sobre unha das rocas que rodean as augas do lago. O maleficio só se podería desfacer se un mozo decide afrontar con valentía o reto e cuspir na boca da serpe. A pesar de que algúns afirman que un rapaz da zona tentouno, finalmente non tivo o valor de mirar ao animal desde tan preto.

Antes de comezar, lembra que case todo o traxecto transcorre por sendeiros estreitos e con algún tramo de subida, como o que nos eleva ata O Fial, o punto máis alto (1.841m) da ruta e o que nos permitirá recuperar o alento para seguir. Só tes que facerte cun calzado cómodo e a roupa adecuada para lanzarte á aventura en plena natureza.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *