De paso por Padrón na Ruta Rosaliana

‘Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!

Vin de Santiago a Padrón

cun chover que era arroiar,

descalciña de pe e perna,

sin comer nin almorzar.

(…)’

Aínda que Rosalía de Castro (1837-1885) naceu en Santiago de Compostela, un dos lugares que marcou a súa vida foi Padrón. Un municipio coruñés ao sur da capital galega e no límite coa provincia de Pontevedra. Entre outras cousas, foi berce doutros escritores como o trobador Macías O Namorado ou Camilo José Cela.

A escritora residiu en diferentes vilas e cidades de Galicia e do resto de España como Lestrove, A Coruña, Madrid e Ortoño pero mantivo Padrón como residencia alternativa en varios momentos da súa vida. Na súa biografía consta que se criou coa súa nai (Teresa de Castro e Abadía) e a criada desta (María Martínez) en Padrón; despois trasladouse con ela a Compostela, onde se formou e viviu a súa mocidade; e posteriormente trasladouse a Madrid, lugar onde publicou o seu primeiro libro de poemas A Flor e onde coñeceu e casou con Manuel Murguía.

Hoxe en día, pódese coñecer en profundidade a historia dunha das escritoras máis importantes da literatura galega mentres visitamos esta encantadoar vila a tan só 20 quilómetros de Santiago de Compostela. Empezando pola Casa Museo Rosalía de Castro (http://rosalia.gal/a-casa-museo/), un espazo dedicado á vida e obra rosaliana que, ademais de ser hoxe o punto culminante da Ruta Rosaliana (http://padron.gal/ruta-rosaliana/index.html ), foi onde a autora pasou os seus últimos anos de vida. O museo, antes coñecido como Casa da Matanza, e que se atopa a tan só un quilómetro de Padrón, foi inaugurado finalmente en 1971 baixo a titularidade da Fundación Rosalía de Castro. Desde entón, fóronse sumando máis instalacións como ‘a Horta da paz’ ou un auditorio anexo con capacidade para 150 persoas que se poden visitar practicamente todos os días do ano.

Preto, a unha distancia que ben se pode percorrer a pé, atópase a igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia. Antiga Sede Episcopal e considerada unha das máis antigas de Galicia, está fortemente vinculada á figura de Santiago Apóstolo. Tamén é a igrexa que se atopa xunto ao cemiterio de Andina, ao que dedicou un dos seus poemas. Neste lugar estivo enterrada Rosalía de Castro entre 1885 e 1891, antes de ser trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela.

‘O cemiterio de Andina, n’hai duda que é encantador, cos seus olivos oscuros de vella recordación…”

Despois de pasar polos espazos máis representativos da vida de Rosalía de Castro en Padrón, e a escasos metros da casa onde viviu coa súa nai -da que soamente se conserva unha placa-, non podemos marchar sen render a merecida homenaxe á escritora fronte á escultura na súa honra que se atopa no Paseo do Espolón. Unha escultura de pedra que pon fin a un día dedicado á abandeirada da morriña.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *