De paseo por Allariz: Parque etnográfico do Río Arnoia

O Arnoia é un afluente do Miño e o río máis longo que atravesa a provincia de Ourense. Nace no concello de Vilar de Barrio e no seu descenso cara o Miño atravesa o concello de Allariz de leste a oeste. É neste punto onde se atopa o Parque Etnográfico do Río Arnoia.

E é que no transcurso do Arnoia pola localidade de Allariz nace e aséntase a vida económica da vila. Na súa ribeira xorden os muíños de auga, que transforman o cereal en fariña, así como fábricas de tecido e coiro que se asentan na marxe do Arnoia para aproveitar a forza da auga. Este feito propicia a aparición dun importante comercio téxtil e panadeiro que abastece a toda a comarca.

Co obxectivo de recuperar estes elementos do patrimonio etnográfico da vila xorde, en 1995, a idea de crear o Parque Etnográfico do Río Arnoia. O parque está composto por tres elementos representativos da economía da zona e do seu modo de vida, moi ligada ao río:

  • Muíño “O  Burato”. Trátase dun muíño hidráulico activo ata os anos 60 no que tiñan lugar as tradicionais muiñadas, nas que se cantaba e bailaba durante todo o día. Situado na  Praza do Matadoiro, desde a súa rehabilitación en 1992, ofrece aos visitantes a posibilidade de coñecer o funcionamento dun muíño tradicional do gran de cereal.
  • Museo do tecido “O Fiadeiro”, situado xunto ao muíño, o visitante pode coñecer o proceso de elaboración das pezas de liño e la. O liño, e posteriormente o coiro, constituíu unha parte importante do tecido industrial da zona ata mediados do século XX e foi xerme do folclore e tradición cultural galega.
  • Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”. Atópase nun gran edificio do século XVIII á beira do río Arnoia. Nela atópanse as ferramentas empregadas no oficio e mostra ao visitante o proceso de curtir. Tamén alberga talleres artesáns de coiro e aulas nas que se organizan cursos de artesanía.

A vila conta tamén con outros interesantes museos que o visitante debe coñecer na súa visita como o do Xoguete, casa-museo Fundación Vicente Risco, o Museo Iconográfico “Aser Seara” e o Museo de arte sacra de Santa Clara. Allariz conta tamén cunha importante zona comercial dispersa entre as súas rúas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *