Cruzul-Agüeira

Situación – Nos Ancares lucenses, concellos de Becerreá e As Nogais.
Superficie – 618,46 ha.
Acceso – Pola A-6 ou pola N-VI ata Becerreá.
Servizos – Aloxamento e comer nas proximidades.
O outono descobre por contraste a presenza das perennes aciñeiras rodeadas de especies caducifolias. É un dos momentos estelares do bosque maduro que acompaña o conca alta do río Navia, entre Doncos e Becerreá, con algúns dos seus afluentes. A beleza do lugar non necesita aviso mesmo para os viaxeiros que circulan rápidos pola autovía que cruza este espazo natural.
En Agüeira atravesamos un excelente souto de castiñeiros con tendencia a converterse en bosque mixto de carballos nas cotas altas. E xa nas proximidades de Cruzul, próximo a Becerreá, acharemos o estraño caso do aciñeiral mediterráneo encravado aquí no dominio atlántico, nunha zona de montaña. A súa presenza está asociada ao substrato rochoso calcario nunhas zonas concretas do val.
Nalgúns treitos as rutas de sendeirismo seguen o trazado das vellas corredoiras cargadas tamén de significado histórico. É o caso, por exemplo, da ponte do río Cruzul, escenario de acontecementos bélicos ocorridos hai douscentos anos, na Guerra da Independencia.