Costa de Dexo

Situación – Concello de Oleiros, preto da cidade da Coruña.
Superficie – Monumento Natural 266 ha. LIC 349,96 ha.
Acceso – Desde A Coruña, á saída da Ponte Pasaxe cara a Santa Cruz-praias. En Mera, desvío ao faro, ou continuar ata o porto de Lorbé.
Servizos – Aloxamento: en Mera. Comer: nas proximidades.
Máis información
CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).
Castelo de Santa Cruz, Liáns.
Tel: 981 630 618 – Fax: 981 614 443.
Equipamentos – Aula do Mar: Centro de Recepción de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes. Casa do Fareiro (Mera). Tel.: 981 630 618.
Outros espazos naturais relacionados / Próximos – Parque Natural “Fragas do Eume” LIC “Costa Ártabra”. LIC “Betanzos-Mandeo”
Amar A Marola
O faro de Mera constitúe un balcón privilexiado para observar o horizonte atlántico ao que asoman as bocanas de tres rías. A da Coruña, co perfil da cidade tras o mascarón de proa da Torre de Hércules; á de Betanzos e Ares, que agocha unha costa doce no corazón das Mariñas; e, medio camuflada nos cantís, a ría de Ferrol (ver LIC Costa Ártabra). Esta é a paisaxe que ten en primeiro termo a punta do Seixo Branco, coa súa vertical veta competindo en albura coa escuma mariña, e a illa da Marola. Practicamente inaccesible como outros illotes achegados á costa, é un enclave importante para aves.
A antiga casa do fareiro converteuse nunha Aula do Mar desde a que os visitantes poden coñecer os ecosistemas e planificar itinerarios. A costa é como unha serra de entrantes e saíntes con espazo para algunha praia como a de Canabal ou o portiño de Dexo.
“Quen cruza a Marola, cruza a mar toda” di a cantiga popular desta ruta marítima cuxos ventos e correntes provocaban como mínimo non poucos mareos.
View Larger Map