Costa da Morte

Praia de Soeste, Laxe
Praia Soeste, Laxe

Situación – Franxa costeira dos concellos coruñeses de Arteixo, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

Superficie – 12.094,43 ha.

Acceso – Desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 ou a estrada AC-552 que continúa ata Cee con desvíos cara ás localidades da costa. Non existe transporte marítimo de pasaxeiros ás illas Sisargas.

Servizos
Aloxamento:Si.
Comer: Si.

Outros espazos naturais relacionados / próximos:
Paisaxe Protexida “Penedos de Pasarela e Traba”
LIC “Carnota-Monte Pindo”
LIC “Monte e lagoa de Louro”

Fin da terra no medio do mundo    

O devalo do sol ilumina cada tardiña as cruces nos cantís orientadas ao mar en lembranza de mortos e desaparecidos. Nese momento ofrécense xuntos os dous elementos, solpores e traxedias, que renomearon o latino Finisterrae para convertelo en Costa da Morte.

Na actualidade segue a ser un dos puntos estratéxicos máis transitados das rutas marítimas intercontinentais e un dos máis perigosos para a navegación. O rexistro cartográfico de naufraxios e salvamentos énchese de cruces que representan máis dun centenar e medio de embarcacións afundidas no último século, pero pérdese a conta dos sustos cotiáns na memoria colectiva dun pobo mariñeiro, por outra parte alegre e vital.

Por iso a Costa da Morte non é un cemiterio. Son uns cento cincuenta quilómetros de vida mariña e mariñeira mellor conservados da fachada atlántica europea. Abrangue, de norte a sur, desde as proximidades da cidade da Coruña ata o Cabo Fisterra. Contén as rías de Camariñas, Corme-Laxe e Lires nas cales se sitúan xunto co de Fisterra os principais portos, pero non os únicos pois existen outros como o de Caión ou o de Malpica que ofrecen refuxio a mar aberto.

Fóra das pequenas rías altas, trátase principalmente dunha costa acantilada nunha sucesión de amplas enseadas que acada os mellores exemplos de puntas agrestes nos Cabos Vilán, Touriñán ou no Roncudo. Aquí acharemos os treitos litorais máis salvaxes con sitio para os areais revestidos coa beleza do vento: Balarés en Ponteceso; O Trece en Camariñas, Mar de Fóra en Fisterra. Completan a riqueza medioambiental as zonas húmidas de Baldaio e Razo ou a lagoa de Traba. Sen esquecer, a sonora soidade das illas Sisargas.

Sen Perda

A estrada provincial AC-552 A Coruña-Fisterra vén sendo a principal vía de comunicación da cal parten os principais desvíos cara á costa. Comeza este espazo protexido na praia de Alba, próxima á máis coñecida de Barrañán (Arteixo), e un pouco máis ao oeste, xa na comarca de Bergantiños, acharemos o ecosistema das marismas de Baldaio. Aquí o extenso areal, prolongado coa turística praia de Razo (Carballo), reprégase nun complexo dunar tras o cal se atopa a lagoa cunha estreita canle de mar e o tremedal, importante refuxio de avifauna.

Neste sector do litoral, o porto de Malpica conserva a súa fasquía de antigo enclave baleeiro. Ademais, é o punto de referencia máis próximo ás illas Sisargas, fronte ao cabo de Santo Adrián. O faro da illa é a única testemuña das abouxadoras colonias nidificantes nos cantís inaccesibles. Na costa, os seguintes pasos que procuren a luz dos faros dirixiranse á punta Nariga e ao Roncudo, verdadeiros mascaróns de proa ao mar, onde os percebeiros gañan a vida.

Dun lado Corme abre a ría que se pecha na enseada da Insua coa fermosa praia de Balarés a un lado, o Monte Branco no medio co seu chan de area, e o esteiro que forma o río Anllóns ao fondo. Este leito, protexido aproximadamente 40 km do seu sinuoso percorrido augas arriba, entre as localidades de Carballo e Ponteceso. Un bo lugar para coñecer o río Anllóns en maxestade é o couto de Verdes en Coristanco.

A partir do esteiro, o tramo costeiro continúa por Laxe ata a praia de Traba. Ademais da lagoa, son salientables as caprichosas formas pétreas do monte declaradas Paisaxe Protexida “Penedos de Pasarela e Traba”.

O desvío de Vimianzo, ao pé do castelo que acolle na actualidade unha completa representación en vivo de traballos artesanais, conduce ata Camariñas. Trátase dun dos puntos principais da Costa da Morte: o faro do Cabo Vilán. O enclave xa foi declarado sitio de Interese Natural no ano 1933. É interesante efectuar a aproximación polo camiño da costa, o máis difícil, o que se asoma sobre o mar na pista de terra e area que, desde Arou, pasa pola enseada do Trece e a espectacular duna que cabalga sobre o monte. Aquí a costa rende honor ao seu nome no Cemiterio dos Ingleses.

Do outro lado da ría, tamén Muxía ofrece a singularidade do seu porto e o Santuario da Virxe da Barca coa pedra de abalar e outras rochas con nome propio.

Por último, o Cabo Fisterra, sempre un punto de chegada. A punta é un cantil en ascensión desde os temidos illotes do Petonciño e da Centola ata o monte do Facho (242 m) onde disque estaba o Ara Solis da antigüidade para a celebración dos ritos solares. O punto máis concorrido é o miradoiro do faro co luz de lusco e fusco irradiando o horizonte. Tradicionalmente considérase o punto máis occidental do continente, aínda que en puridade non lle corresponda tal título. Ata aquí se prolonga o Camiño de Santiago para os peregrinos que segundo a tradición queiman na beira do mar as roupaxes e comeza o regreso á casa.


View Larger Map

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *