Cemiterios vivos

Galicia sempre rendeu culto especial á morte. Unha cerimonia que quizá teña a súa máxima expresión nos cemiterios galegos.

O seu significado é “dormitorio”, porque dese modo vían os cristiáns aos camposantos da antigüidade.

 

Se queres coñecer algúns dos máis significativos, hoxe mostrámosche a súa riqueza arquitectónica e patrimonial, pero tamén a súa elevada carga etnográfica que nos define como galegos.

 

Empezamos en Padrón, no atrio da colexiata de Iria Flavia, lousado de epitafios. Os 28 bispos de Iria descansan segundo a tradición no chan. Pero neste cemiterio de Adina tamén nos podemos atopar co Nobel Camilo José Cela, que descansa á sombra dunha oliveira; e noutros tempos con Rosalía de Castro, que foi enterrada aquí aínda que anos máis tarde os seus restos foron trasladados a Santiago,

 

En Noia existe un cemiterio con tumbas  medievais, o da Igrexa de Santa María A Nova, que se converteu nun dos máis importantes de Europa. A historia de Noia, os oficios e a economía, está gravada na pedra dos seus sepulcros.

 

Pero se no canto de centenares de laudas sepulcrais, prefires os cemiterios modernos de deseño haberá que ir ata a Costa da Morte, onde se atopa a obra de César Portela. O seu cemiterio de Fisterra é arte pura. 14 cubos de granito varados na costa, fronte ao océano.

 

En Dumbría atopámonos cunha explosión de cores. Nin epitafios, nin anxos, nin símbolos relixiosos, tan só unha ampla variedade cromática.

 

Un dos camposantos máis visitados témolo noutra zona da Costa da Morte. En Camariñas aséntase o Cemiterio dos Ingleses, que garda memoria aos 172 británicos que morreron no naufraxio do buque  The Serpent. Só tres mariñeiros salvaron a vida. Esta pequena necrópole forma parte do Roteiro de Cemiterios Europeos Significativos.

 

En Cambados está o camposanto máis melancólico do mundo, segundo palabras de Álvaro Cunqueiro. Aquí álzanse as ruínas de Santa Mariña de Dozo, dunha gran beleza.

Descansan ademais a muller e o fillo do escritor e dramaturgo Ramón María de Valle Inclán.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *