Castro de Baroña

É coñecido por todos que a costa galega, entre as súas illas, os seus cabos e os seus esteiros rodeados do mar salvaxe, gardan gran cantidade de tesouros, pero se hai un que chama especialmente a atención pola súa grande importancia arqueolóxica é, sen dúbida, o Castro de Baroña.

O Castro de Baroña é un asentamento cuxo orixe se sitúa na Idade de Ferro (estivo habitado desde o século I a.C. ata o século I d.C.) e cuxo descubrimento non tería lugar ata o ano 1933 despois dunha escavación na zona.

Localizamos este castro na parroquia de Baroña, en Porto do Son (A Coruña) e, nada máis chegar, o primeiro que chama a nosa atención, ademais da súa beleza, é a singularidade da súa localización, debido a que se sitúa nunha pequena península rochosa separada da terra por un istmo de area. É, precisamente, neste istmo que une o poboado ao castro onde nos atopamos coa primeira medida defensiva: un foso de 4 metros de ancho e 3 de fondo.

As construcións que nos atopamos neste castro son case todas de planta circular, e non se aprecian portas de entrada ou xanelas. Isto é algo moi habitual nos castros que foron pouco romanizados, debido a que foron os romanos os que trouxeron o urbanismo ás nosas terras, traendo tamén as casas de planta cadrada. Así pois, unha organización urbanística e vivendas cadradas con distribución interior só se atopan nos castros máis tardíos e que alcanzaron o seu apoxeo baixo a dominación romana.

Os habitantes que houbo neste asentamento eran granxeiros autosuficientes que se alimentaban principalmente de produtos o mar como o peixe e o marisco. A proba é que durante a súa escavación atopáronse numerosos anzois e ferramentas de pesca, así como espiñas e vértebras de peixe. Nesas escavacións tamén se atoparon restos que permiten saber que alí se desenvolveron actividades relacionadas coa minería e a metalurxia. De feito, na zona norte hai un forno no que se posiblemente traballouse, como adoitaba ser común na maioría dos castros, o bronce e outros metais como o ouro e o ferro.

Pero se hai algo que fai maxestuoso o Castro de Baroña é a súa situación sobre unha península rochosa, perfectamente defendible por todos os seus flancos, nos cales o salvaxe Atlántico xogaba unha parte importante xunto cos cantís que o rodean, así como a fortificación do seu único acceso posible, o que o converte nun bastión de resistencia, no seu día, preparado para as guerras, os asedios e os ataques de todo tipo de exércitos.

Actualmente ostenta o recoñecemento de Patrimonio Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural, o que, xunto ao feito de estar rodeado de fermosas praias e bosques, fai que cada ano sexan miles as persoas que deciden visitalo. Ademais, é o castro mellor conservado de toda Galicia xunto co situado na Guarda, ao sur da provincia de Pontevedra, e dos poucos que se atopan tan preto do mar, polo que sen ningunha dúbida recomendámosvos que o visitedes e gocedes dos mil tipos de azuis, os cantís infinitos, os bosques centenarios e esa pegada celta que o tempo non conseguiu borrar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *