Castelo de Moeche, a fortaleza irmandiña

Podería dicirse que os castelos e mosteiros eran, na época medieval, o centro do poder dalgúns territorios. En fortalezas como o Castelo de Moeche, no municipio coruñés co que comparte nome, ocorreu algo similar. Trátase dunha fortaleza construída no século XIV que pertenceu aos Andrade, do mesmo xeito que a Torre dos Andrade, en Vilalba, ou o Castelo dos Andrade, en Pontedeume.

Un dos episodios máis destacados para o Castelo de Moeche prodúcese coa coñecida como ‘ Revolta Irmandiña’, onde vasalos oprimidos levantáronse en armas contra os señores feudais. Neste caso concreto, os irmandiños chegaron baixo o mando de Roi Xordo, un fidalgo medieval que en 1431 liderou a chamada Irmandade Fusquenlla contra o señor Nuno Freire de Andrade ‘O Mao’, nunha das primeiras revoltas irmandiñas.

A extrema dureza á que se vía sometida a poboación provocou que os campesiños organizasen unha especie de exército encabezado por Roi Xordo, que tomou pola forza o Castelo de Moeche en busca de Nuno Freire. Ataviados con paus, fouces e diferentes armas, os irmandiños enfurecidos derrubaron o castelo mentres que o señor xa escapara do lugar.

Na actualidade, despois de ser reconstruído por Pedro Álvarez de Osorio -Conde de Lemos- en 1468 e estar a piques de desaparecer en 1890 cando pertencía á Casa de Alba, o castelo loce unha espectacular planta octogonal rodeada por un foso e muros de máis de dez metros de pedra típica desta zona de Galicia. Con todo, o máis sobresaínte do conxunto segue sendo a torre da homenaxe de planta cadrada que se eleva 18 metros sobre o nivel do chan. Quizais unha visita guiada organizada polo Centro de Interpretación Castelo de Moeche sexa a mellor opción para coñecer con detalle este monumento.

Como non podía ser doutro xeito, entre os muros do castelo tamén circula unha lenda medieval apaixonante: a do amor entre a filla dun señor feudal e un plebeo ao que o seu pai mandou executar atravesándolle o corazón cunha espada. Mentres, a doncela morría de tristeza entre os muros do castelo que non chegou a abandonar

Lendas e historia aparte, o Castelo de Moeche é hoxe en día o elemento de referencia para o municipio no que se atopa. Tanto é así que, todos os anos, a terceira fin de semana de agosto celébrase un festival de música no que se conmemora o levantamento popular. Despois de cantar e bailar ao ritmo de diferentes grupos de música folclórica e popular, o festexo culmina coa representación da queima da fortaleza mediante un espectáculo de fogos artificiais e cos asistentes portando fachos e paus como o facían os seus antepasados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará. Os campos obrigatorios están marcados con *